O BNG esixe que a Xunta arranxe con urxencia os graves problemas no CEIP Chans Bembrive
A fronte nacionalista recrimina que o PP incumprise o seu compromiso de cambiar a cuberta e eliminar o amianto a inicios do actual curso, agravando o estado do centro
Alexandra Fernández: “Dende hai máis dun ano non hai ningún tipo de resposta por parte da Consellaría de Educación malia os 250 escritos de queixa da ANPA”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe que a Xunta de Galiza arranxe con urxencia os graves problemas no CEIP Chans Bembrive de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para demandar o cambio de cuberta, a eliminación do amianto e a substitución da carpintería exterior do centro, a máis tardar, para o inicio do vindeiro ano escolar.
Dende o Bloque recriminan que o Goberno galego do PP incumprise o seu compromiso de realizar estes traballos o pasado curso, agravando o estado do colexio vigués. A deputada nacionalista, Alexandra Fernández, afeou que dende hai máis dun ano a Consellaría de Educación “non dese ningún tipo de resposta” malia os 250 escritos de queixa presentados pola comunidade educativa do Chans Bembrive.
“A ANPA do centro e o BNG levamos tempo reclamando unha actuación inmediata por parte da Xunta”, lamentou Fernández. Dende o centro alertan de que os problemas de inundacións agraváronse neste curso, sumado a que o material degradado contén amianto, e afectando tamén ás instalacións eléctricas e ao mobiliario. Aliás, denuncian que a falla de substitución da actual carpintería exterior, sen rotura térmica, xera problemas de eficiencia enerxética, confort térmico e condensacións.
A deputada do Bloque subliñou que son numerosos os centros públicos de Vigo con importantes eivas nas súas infraestruturas por causa da falla de investimentos da Xunta, a pesar das demandas reiteradas da comunidade educativa da cidade e das continuadas iniciativas da fronte nacionalista.
