O BNG de Vigo propón un decálogo de medidas para que o Concello promova o uso do galego na cidade

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

“Vigo en Galego x10” recolle dez medidas urxentes para multiplicar a presenza do galego na maior cidade da Galiza

Reclaman ao Goberno municipal de Abel Caballero que deixe de colaborar “por acción e por omisión coas políticas galegófobas da Xunta do PP”

Xabier P. Igrexas: “En Vigo hai unha maioría social que se orgulla do noso idioma e á que lle gustaría que o galego teña cada vez máis uso e espazo”

O BNG de Vigo propón un decálogo de medidas para que o Concello promova o uso do galego na cidade

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de facer público, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, un decálogo con medidas concretas para que o Concello se converta nun axente normalizador en prol do uso do galego na cidade. Baixo o título “Vigo en galego x10”, o decálogo recolle medidas a nivel administrativo, cultural e social co obxectivo de “multiplicar o uso e espazo da nosa lingua na cidade”. 

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu esta batería de medidas afirmando que “o galego ten futuro en Vigo mais hai que deixar de poñerlle atrancos e promover en positivo o seu uso en todos os ámbitos”. 

Igrexas aposta nunha resposta “en positivo” diante da situación de emerxencia lingüística que constatan os baixos niveis de uso do galego na cidade. Para o portavoz municipal nacionalista, o feito de que, tal e como recolle o último estudo do IGE, só o 13,5% da poboación viguesa utilice o galego de forma predominante -a cifra máis baixa das cidades galegas e moi lonxe media galega do 45,5%-, ou que nos menores de 14 anos só 3 de cada 100 usen o galego a diario, “non pode levarnos á frustración nin á resignación”.

"Esta realidade non responde á liberdade nin á vontade social, en Vigo hai unha maioría social que se orgulla do noso idioma e á que lle gustaría que o galego teña cada vez máis uso e espazo”, acrecentou.

Máis galego en Vigo

Co obxectivo de garantir o dereito “de todas as viguesas e vigueses, como galegas e galegos que somos, a podermos vivir plenamente no noso idioma”, desde o BNG demandan que o Concello de Vigo se converta nun verdadeiro axente normalizador en prol do galego e que desista da súa complicidade “por acción ou por omisión” coas políticas galegófobas que aplica a Xunta do Partido Popular.

No decálogo recóllense medidas concretas como o reforzamento do Servizo de Normalización Lingüística do Concello -que arestora non conta con persoal-, activar o Consello Social da Lingua, a realización dun novo estudo sociolingüístico na cidade -o anterior é de 2002- e actualizar e desenvolver o Plan de Dinamización Lingüística. Tamén propoñen que se garanta a atención pública en todos os servizos municipais en galego e que se aplique a chamada “oferta positiva” para que a lingua galega sexa a primeira opción na atención á cidadanía.

A creación dunha Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos, a posta en marcha dun programa estábel de promoción do uso do galego en Vigo -especialmente entre a mocidade-, promover o uso da lingua no sector comercial e na hostalaría ou desenvolver accións de apoio a neofalantes e ofrecer cursos gratuítos, son outras das propostas.

No decálogo recóllese expresamente a demanda de que se garanta e priorice o uso do galego en todos os eventos públicos organizados ou subvencionados polo Concello. “Hai que poñer punto e final a feitos tan graves como que a música en galego sexa excluída dos concertos de Castrelos, a ordenanza municipal de normalización lingüística sexa reducida a papel mollado, ou a que o Concello se destinen 5 veces máis recursos para promocionar o inglés que a apoiar a nosa lingua propia”, defendeu Igrexas.

O BNG de Vigo propón un decálogo de medidas para que o Concello promova o uso do galego na cidade