O BNG urxe actuacións da Xunta diante das “graves deficiencias” nos centros educativos públicos de Vigo
A fronte nacionalista traslada ao Parlamento galego os problemas de seguridade, habitabilidade e accesibilidade nas infraestruturas educativas denunciados reiteradamente polas Anpas
Alexandra Fernández: “Resulta moi grave que non se estean resolvendo cuestións tan básicas por parte da Xunta para o correcto funcionamento dos colexios públicos”
Xabier P. Igrexas: “É inxustificábel que en pleno 2024 teñamos colexios que quedan sen calefacción, con fiestras que nin abren nin fechan, con baños que se inundan ou quedan sen agua, ou con ximnasios e patios obsoletos e inseguros”
O Bloque Nacionalista Galego urxe actuacións da Xunta de Galiza diante das “graves deficiencias” denunciadas de forma reiterada por parte da direccións e das Anpas en até 23 centros educativos de Vigo. A fronte nacionalista vén de trasladar iniciativas ao Parlamento galego para resolver canto antes os problemas de seguridade, accesibilidade e habitabilidade que se veñen agravando ano tras ano pola “inacción” do Goberno galego do PP.
“Estamos falando na maioría de casos de actuacións que teñen que ver con cuestións moi básicas para o correcto funcionamento dos centros públicos”, lamentou a este respecto a deputada do BNG no Parlamento galego Alexandra Fernández, asegurando que esta longa lista de carencias, detectadas pola Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnado de Vigo, reflexa unha “política de recortes sistemáticos” no ámbito educativo por parte do PP malia que a maioría dos centros foron construídos hai décadas.
Fernández considerou “extremedamente grave” que malia ter aflorado, a través dos plans de autoprotección, importantes problemas que comprometen a seguridade de numerosos centros, a Xunta non teña intervido para subsanar estas eivas. Nin tampouco diante das queixas polos problemas de humidades e frío, relacionados con carencias no illamento e calefacción, así como pola falla ou mal estado de espazos cubertos no exterior en moitos colexios públicos da cidade.
En relación aos patios e espazos de xogo, a deputada nacionalista considerou que o seu deseño fica “obsoleto”, polo que chamou atender as numerosas demandas da comunidade educativa para promover a implantación dun novo modelo de patios vivos e coeducativos. Un modelo, subliñou, que debe apostar na renaturalización destes espazos, na renovación do equipamento de xogo e no seu redeseño para evitar a segregación de usos por xénero e que os promova como espazos para a socialización, a convivencia na diversidade, a aprendizaxe experimental e o xogo libre en contacto coa natureza.
“Non é un problema de recursos”
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou que o “estado lamentábel” dos centros educativos da cidade é a “demostración máis clara do abandono” por parte do Goberno galego do PP durante os últimos 16 anos. “Non é un problema de recursos, toda vez o pasado ano a Xunta de Galiza deixou case 1000 millóns de euros do seu orzamento sen executar”, advertiu, subliñando que esta situación responde a “unha decisión política que deixa caer a pedazos os colexios e institutos para seguir castigando o ensino público mentres segue privilexiando, con inxentes recursos públicos, ao empresariado do ensino privado-concertado”.
“É inxustificábel que en pleno 2024 teñamos colexios que en plena vaga de frío quedan sen calefacción, que teñen fiestras que nin abren nin fechan, con baños que se inundan ou quedan sen agua, con ximnasios e patios obsoletos e inseguros, e onde non se garante a mínima accesibilidade”, lamentou Igrexas.
O portavoz municipal do Bloque afeou que a Xunta de Galiza se negue a exercer as súas competencias en cuestións tan importantes como o ámbito educativo na maior cidade galega mentres non ten reparos en gastar 2,5 millóns de euros para o concerto de Muse “co seu palco VIP para amigos do PP” ou para “agasallar” Abanca con máis de 4 millóns para repagar polo Teatro Cine Fraga.
Inicio dos traballos no verán
Por estes motivos, a deputada nacionalista instou a Consellaría de Educación a aproveitar este período estival para realizar unha avaliación sobre o estado das infraestruturas educativas en Vigo e para poñer en marcha as melloras demandadas, que afectan a centros público de toda a cidade como Mestres Goldar, Párroco Don Camilo, Ramón y Cajal, Sobreira-Valadares, San Salvador, Valle-Inclán, Pombal, Balaídos, Josefa Alonso, Carrasqueira, Illas Cíes, Carballal-Cabral, Alfonso D. Rodríguez Castelao, Paraixal, Chans-Bembrive, Escultor Acuña, así como nos IES de Coruxo, Beade e Alexandre Bóveda, e nas escolas de educación infantil do Cristo da Victoria, Vila Laura e Aragón.