O BNG de Vigo reclama a Caballero que deixe de “xogar” co novo PXOM
A fronte nacionalista demanda ao rexedor que actúe “con responsabilidade e respeito escrupuloso á lei” na tramitación do novo Plan Xeral e lembran que o de 2008 foi anulado por unha deficiencia administrativa
Non teñen constancia oficial da emisión dun informe polo Secretario Xeral do Pleno e anuncian que interpelarán a concelleira de Urbanismo no vindeiro Consello da Xerencia para que explique o que se pretende facer
Xabier P. Igrexas desmárcase do “incomprensíbel apuro que o PP de Marta Fernández-Tapias ten agora para aprobar un Plan Xeral sen que se coñeza inda que se vai facer coas 4 mil alegacións veciñais que recibiu” e volve demandar ao Goberno municipal que rectifique o planeamento
Tras o anuncio do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que o seu Goberno municipal vai promover a “ampliación da vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional” por tres meses, desde o Bloque Nacionalista Galego demandan ao rexedor que deixe de “xogar” coa tramitación do novo PXOM.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, esixiu ao rexedor “a fin das improvisacións e chapuzas” e que actúe “con responsabilidade e respeito escrupuloso á lei na tramitación do novo Plan Xeral”.
Igrexas criticou con dureza que desde o Goberno municipal se opte por “anunciar ocorrencias en declaracións gravadas sen posibilidade de preguntas por parte dos medios” e anuncia que interpelará a concelleira de Urbanismo no vindeiro Consello da Xerencia de Urbanismo. “É nos organismos municipais onde o Goberno ten que explicar que pretende facer co novo PXOM ao que está vinculada a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional”.
A este respeito, lembrou que a vixencia do IOP vén determinada por unha lei aprobada polo Parlamento galego onde se fixaban prazos taxativos para os diferentes fitos e fases que debe atravesar o novo planeamento.
“É claro que normativamente o Concello non pode prorrogar o IOP, como anunciou de maneira frívola hoxe Caballero” sentenciou
Sen ter constancia oficial da emisión de ningún informe por parte da Secretaría Xeral do Pleno, desde o BNG temen que o “atallo” que vai promover o Goberno municipal sexa “forzar as costuras do procedemento a través dunha suspensión ou ampliación de prazos para resolver o documento para aprobación provisional do novo Plan Xeral nunha lectura moi arriscada da Lei de Procedemento Administrativo Común”. Neste sentido, Igrexas alerta do precedente do Plan Xeral de 2008 que resultou anulado por sentenza do Tribunal Supremo de 2015 “non por ningunha ilegalidade urbanística senón por unha deficiencia grave na súa tramitación administrativa”, polo que demanda “o maior rigor xurídico antes de calquera decisión”.
Rectificar atendendo as alegacións
No entanto, Igrexas desmarcouse do “incomprensíbel apuro que o PP de Marta Fernández-Tapias ten agora para aprobar un Plan Xeral sen que se coñeza inda que se vai facer coas 4 mil alegacións veciñais que recibiu”.
“Se é legalmente posíbel, sen comprometer a seguridade xurídica do novo Plan, alargar a súa tramitación e ese prazo extra se vai utilizar para escoitar, dialogar e atender as reivindicacións veciñais e corrixir un planeamento elaborado na escuridade dos despachos e de costas á cidade, benvida sexa a prórroga. Se vai ser só unha patada para adiante para evitar a caída do IOP de pouco vai servir”, afirmou.
O portavoz municipal nacionalista lamenta que o PSOE teime en impoñer un PXOM que insiste nun modelo urbanístico fracasado, que non resolverá o grave problema de acceso social á vivenda ao renunciar a mobilizar os máis de 20 mil inmóbeis baleiros, que discrimina e maltrata as parroquias impoñendo viais innecesarios que van tronzar o rural, e que non promove un cambio na mobilidade para avanzar cara a unha cidade máis sustentábel e habitábel insistindo nunha cidade para os coches e non para as persoas. “O Goberno municipal está a tempo de rectificar”, remachou.