O BNG pide a fin da “batalla de egos e logotipos” entre Xunta e Concello para avanzar na recuperación da ETEA
A fronte nacionalista volve esixir os Gobernos local e galego que “cesen na lea partidista” para facer realidade o Campus do Mar
Xabier P. Igrexas: "Non pode ser que a cada paso para desenvolver a ETEA, tanto o PSOE como o PP acaben poñendo atrancos absolutamente inxustificábeis"
O Bloque Nacionalista Galego pide poñer fin á “batalla de egos e logotipos” entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo para avanzar na recuperación da ETEA e na posta en marcha do Campus do Mar. A fronte nacionalista volve esixir así aos Gobernos local e galego que cesen na “lea partidista” arredor deste proxecto, tras moitos anos “bloqueado pola falla de cooperación e compromisos” tanto do PP como do PSOE.
“Xa abonda de tanta batalla estéril”, reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación ao novo episodio de intercambio de reproches entre Xunta e Concello.
“Se hai vontade compartida por facer realidade ese proxecto, tan longamente agardado pola nosa cidade, o que teñen que facer é cooperar”
Igrexas lamentou que ambas administracións poñan “atrancos absolutamente inxustificábeis” a cada paso para o desenvolvemento da ETEA, malia o seu carácter estratéxico para Vigo, e malia que pasaron dúas décadas dende a saída dos militares das instalacións.
Nese sentido, o voceiro nacionalista urxiu o Goberno de Abel Caballero a axilizar os traballos de humanización que lle corresponde, de vez que chamou ao Executivo galego a realizar os investimentos necesarios para o Campus do Mar, que permitiría, a xuízo do BNG, reforzar o papel de Vigo como capital galega da innovación científica.