O BNG esixe unha auditoría do concerto con Povisa diante da “opacidade” do PP na Xunta nos pagos ao centro privado
A fronte nacionalista reclama “luz e taquígrafos” sobre a última prórroga do acordo e insiste na necesidade de absorber o hospital na rede pública ante a proximidade da fin do concerto
Monste Prado: “A riada de cartos públicos que destinamos a Povisa non está significando nin maior calidade asistencial nin mellores condicións laborais”
Xabier P. Igrexas: “É un pésimo negocio para a sanidade pública, para as viguesas e vigueses, pero unha moi lucrativa operación para as empresas privadas amigas do PP”
O Bloque Nacionalista Galego esixe unha auditoría do concerto con Povisa diante da “opacidade” do PP na Xunta de Galiza a respecto dos pagos ao centro privado. A fronte nacionalista reclama “luz e taquígrafos” sobre a última prórroga do acordo e insiste na necesidade de absorber o hospital na rede pública a menos dun ano de que finalice o concerto singular.
“Povisa é un saco sen fondo onde o PP destina cada ano máis e máis cartos sen ningunha transparencia, até o punto de que non figura unha partida concreta nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2024”, cuestionou este xoves en rolda de prensa a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, acompañada do voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e da tamén deputada no Parlamento galego, Carmela González.
Prado criticou que non sexa posíbel coñecer con exactitude os cartos públicos que o Goberno galego destina cada ano a este hospital privado en Vigo, ademais dos máis de 80 millóns de euros anuais polo acordo para atender a preto de 130 mil doentes da área sanitaria. “O PP negocia modificacións e acordos que non son públicos nin están contemplados no concerto”, advertiu a portavoz nacionalista.
Entre eles, denunciou, Povisa benefíciase das condicións económicas para a compra de fármacos convertendo o Sergas nun “comercial” de Povisa. Ademais, dende a rede pública realízase o pago de medicación ambulatoria, medicación de alto impacto, próteses e implantes ou a formación dos MIR con cantidades “descoñecidas” e que non figuraban no concerto inicial, asinado en 2014.
A maiores, a voceira de sanidade do BNG reprochou que o Sergas transfira recursos adicionais a Povisa para que rebaixe as listas de espera da sanidade pública, cando as propias do centro privado son máis elevadas. E tamén que se exclúan da carteira de servizos do Sergas especialidades como Queimados ou Maxilofacial para que sexa “obrigatorio” acodir a Povisa como centro de referencia.
Povisa vive dos cartos públicos
“Esta riada de cartos públicos que destinamos a Povisa non está significando nin maior calidade asistencial, con peores ratios de profesionais por paciente que na pública, nin tampouco mellores condicións laborais para as 1.400 traballadoras e traballadores”, criticou.
Prado lembrou que Povisa “vive dun xeito clarísimo dos cartos públicos” con máis do 80% da súa cifra de negocio vinculada aos ingresos do Sergas. “O PP fai capitalizar máis a máis á empresa para que as sucesivas vendas do centro sexan cada vez sexan máis lucrativas”, engadiu sobre os cambios da propiedade nos últimos anos.
“Pésimo negocio para a sanidade pública”
Nese sentido, o portavoz municipal do BNG de Vigo insistiu na necesidade de absorber este hospital na rede do Sergas para poñer fin á “anomalía” que supuxo o concerto, aproveitando o seu vencemento en menos dun ano. “Este concerto impuxo un modelo de dúas velocidades con peor atención sanitaria en Povisa que na pública”, valorou.
Igrexas esixiu que se garanta a igualdade de condicións na prestación sanitaria para todas as persoas da área de Vigo. “O PP ten que deixar de tratar a sanidade como unha mercadoría”, reclamou, asegurando que se trata dun “pésimo negocio para a pública e para as viguesas e vigueses, pero unha moi lucrativa operación para as empresas privadas amigas do PP”.