O BNG de Vigo defende a remunicipalización e un novo modelo de bus urbano fronte á enquisa farsa de Caballero
A fronte nacionalista acusa o Goberno municipal de “simular” que actúa ante os problemas do transporte urbano, cando o único que fixo nestes anos foi “empeorar gravemente” as condicións do servizo
Xabier P. Igrexas: “As moitas deficiencias e insuficiencias de Vitrasa non se van resolver cunha cortina de fume de 320 mil euros para un estudo do que apenas nada coñecemos”
O Bloque Nacionalista Galego defende a remunicipalización e un novo modelo de bus urbano en Vigo fronte á “enquisa farsa” de Caballero. A fronte nacionalista acusa o Goberno municipal de “simular” con esta proposta que actúa ante os problemas do transporte urbano da cidade, cando o único que fixo nestes anos foi “empeorar gravemente” as condicións do servizo.
Así o denunciou este sábado o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou o estudo de 320 mil euros encargado polo Concello de “cortina de fume ben custosa para tapar as moitas deficiencias e insuficiencias” do servizo de Vitrasa. Entre elas, lembrou a supresión de 250 frecuencias diarias, a desaparición de varias liñas, os horarios "irracionais” e un mapa “obsoleto” que non conecta o conxunto da cidade e “castiga” especialmente os barrios e parroquias máis periféricas.
O voceiro nacionalista criticou que a única medida do Goberno municipal sobre o bus urbano foi blindar a continuidade da actual empresa concesionaria cunha prórroga de cinco anos. “Un agasallo para o grupo Avanza”, lamentou. Unha prórroga da concesión que, a xuízo do BNG, supuxo “hipotecar” este servizo esencial un lustro máis para que continúe a ser “fonte de negocio privado” pese a non atender as necesidades da veciñanza e non garantir un transporte á altura da maior cidade galega.
Igrexas asegurou que o redeseño do sistema de bus pasa por un “verdadeiro diálogo” co tecido asociativo, en particular co movemento veciñal por ser quen coñece mellor os problemas do servizo, e non por “anuncios ocos de medidas aparenciais” como a enquisa.
Revolucionar a mobilidade e empresa pública
Fronte a esta situación, o portavoz municipal do Bloque chamou a “revolucionar” a mobilidade en Vigo, cun novo modelo que teña o transporte colectivo como piar. “O futuro da nosa cidade ten que pasar por unha mobilidade alternativa, e iso esixe que o servizo de bus urbano sexa unha opción real que permita que as viguesas e vigueses non estean obrigadas a coller o coche”, demandou.
Dende a fronte nacionalista cuestionaron nese sentido que o servizo de bus urbano teña que estar baixo xestión dunha empresa privada, cando existen exemplos de cidades con menor poboación e capacidade económica que contan xa cunha empresa pública de transportes.