Brais Ruanova: “Un BNG forte no Congreso será unha garantía para rematar coa navallada da AP-9 en Teis”
O candidato vigués ao Congreso reitera o compromiso nacionalista para avanzar na conversión en vía urbana, na mellora dos pasos elevados da Xorxa e da Trapa e na instalación de pantallas no tramo de maior contaminación acústica de toda a autoestrada
“A veciñanza de Teis e o conxunto das viguesas e vigueses poden confiar en que un Bloque decisivo en Madrid seremos garantía de que o Goberno español deixe de virarnos as costas”, manifestou Ruanova, que asegurou que este compromiso “non é só de palabra”, reivindicando o traballo do deputado nacionalista Néstor Rego na pasada lexislatura que, entre outras cuestións, conseguiu a supresión da peaxe de Chapela.
Nese sentido, o candidato do BNG asegurou que o obxectivo da fronte nacionalista de cara ao 23 de xullo é “sumar máis voces e votos decisivos” para conformar un Grupo Galego Forte que “obrigue” ao Executivo central a escoitar e responder a estas históricas demandas. “Fronte ás falsas promesas das forzas estatais, só un BNG forte fará valer Vigo e Galiza”, afirmou, para o que considerou “determinante” o voto das viguesas e vigueses.
Entre as propostas, Ruanova reafirmou a aposta do BNG pola conversión en vía urbana do tramo da AP-9 dende as Torres de Padín para “rematar dunha vez coa división do barrio de Teis”. Namentres non sei fai realidade, asegurou, defendeu a necesidade “urxente” de instalar pantallas acústicas que acaben coa “tortura” que leva padecendo décadas a veciñanza que vive nas proximidades, o punto de maior contaminación acústica de toda a autoestrada. Do mesmo xeito, reclamou a reforma dos pasos elevados da Xorxa e da Trapa que evite que zonas enteiras do barrio continúen “incomunicadas”.
Defender Vigo “de verdade”
De por parte, o portavoz municipal do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, contrapuxo a “defensa constante e coherente” que o BNG fixo no Congreso na última lexislatura fronte a “deserción permanente” da representación das forzas estatais que lle dixeron “non” a elevar o investimento estatal na maior cidade galega en 167 millóns de euros. “Vigo tivo un único deputado no Congreso na persoa de Néstor Rego, fronte as mandadiñas e mandadiños do PSOE e do PP que o único que fixeron foi obedecer o que lles dicían as súas direccións en Madrid”, afirmou en alusión as deputadas socialistas por Vigo, Olga Alonso e Ángeles Marra, e o popular, Diego Gago.
“Non se pode defender Vigo de verdade ao ditado do que decidan en Ferraz ou Génova. E as viguesas e vigueses saben que a única forza que pon sempre por diante os intereses desta cidade e do conxunto de Galiza é o BNG”, reivindicou o portavoz municipal nacionalista
Emporiso, Igrexas chamou a que as viguesas e vigueses fagan valer o seu voto determinante este 23 de xullo para facer posíbel “un grupo galego forte, que impida que a política de Madrid siga virándolle as costas á nosa cidade e ao noso País”, garantindo que proxectos como a Saída Sur de alta velocidade, o tren de cercanías, o soterramento da VG-20, a biblioteca do Estado e as actuacións en Teis “deixen de ser unha promesa cada 4 anos”.