BNG e Galiza Nova organizan a «Semana da Patria Galega en Vigo»

BNG e Galiza Nova organizan a «Semana da Patria Galega en Vigo»

semanapatria

_A fronte nacionalista e a súa organización xuvenil realizarán diferentes actividades ao longo da semana próxima para “levar á rúa a defensa do dereito da nación galega a existir e a decidir”.

rolda1507VIGO, 15 de xullo de 2016.- O BNG presentou esta mañá en rolda de prensa o programa de actividades da “Semana da Patria Galega en Vigo”. Un conxunto de actividades que a fronte nacionalista organizará canda a súa organización xuvenil, Galiza Nova, ao longo da semana próxima.

“Con este programa queremos levar á rúa a defensa do dereito da nosa nación, Galiza, a existirmos como tal e a termos plena capacidade de decisión”, explicou Serafín Otero, responsábel local do Bloque. “Como di o lema deste ano queremos unha Galiza viva, con soberanía e traballo”, enfatizou. Otero, estivo acompañado pola responsábel comarcal de organización, Manuela Rodríguez e por Adrián R. Bravo, membro da comisión permanente nacional de Galiza Nova.

“Entendemos que o 25 de xullo debe ser algo máis que unha data para celebrarmos o orgullo de sermos galegos e galegas, queremos que sirva para sumar máis povo na loita pola nosa plena soberanía nacional, da capacidade de decisión que nos permita construír un país novo no que a mocidade non sexa expulsada por milleiros á emigración, polo desemprego e a precariedade” defendeu Adrián R. Bravo. Pola súa banda, Manuela Rodríguez deu conta do traballo que se está a desenvolver en diferentes localidades da comarca de Vigo, nas que o BNG “está a traballar arreo para que o Día da Patria se celebre como algo máis que unha data ritual ou institucional”.

A primeira Semana da Patria Galega en Vigo arrancará este mesmo sábado cunha cea-convivio de carácter comarcal. A segunda feira realizarase unha proxección-coloquio, do documentario “A proclamación obreira da República Galega en 1931” e que contará coa intervención de Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras e coordinador da peza audiovisual. A terza feira, o historiador Uxío-Breogán Diéguez, palestrará arredor da historia do movemento nacionalista galego desde as súas orixes nas Irmandades da Fala, das que este ano se cumpre o seu centenario, até hoxe. A cuarta o Calvario será sede dunha carpa informativa na que BNG e GN repartiran material informativo en relación ao Festigal e ao Día da Patria. O sábado, as gradas da estación marítima (a carón do nadador) serán o escenario para o despregue simbólico dunha bandeira xigante da Patria. A participación na manifestación nacional que decorrerá o propio 25 de xullo en Compostela, e para a que se fletarán autobuses desde Vigo, porá o ramo a este programa.

PROGRAMA

_Segunda feira 18/07, ás 20h

na Libraría Cartabón (Urzaiz 125)

[Proxección-coloquio] A proclamación obreira da República Galega en 1931

Intervén: Manuel Mera (Director Fundación Moncho Reboiras)

_Terza feira 19/07, ás 20h

na Libraría Andel (Camelias 102)

[Palestra] O nacionalismo galego, das Irmandades da Fala até hoxe

Intervén: Uxío-Breogán Diéguez (historiador)

_Cuarta feira 20/07, de 18 a 19:30h

Carpa informativa no Calvario

_Sábado 23/07, ás 12h

Despregue de bandeira xigante da Patria

Nas gradas da estación marítima (a carón da escultura do nadador)

_Segunda feira 25/07

Manifestación nacional en Compostela

Ás 12h desde a Alameda. Haberá buses desde Vigo (Info: 986447300 [email protected])

BNG e Galiza Nova organizan a «Semana da Patria Galega en Vigo»