Serafín Otero: «Este ano demostrou a incompetencia e falla de proxecto do goberno local do PSOE»
_O BNG critica a parálise total do Concello, a xestión desastrosa e a falla de iniciativas políticas dun goberno con maioría absoluta. Denuncian que no único no que se avanzou foi en recortar democracia
VIGO, 25 de maio de 2016.- O BNG de Vigo fixo balanzo da situación política da cidade e da acción de goberno, cando se vén de cumprir un ano das últimas eleccións municipais. En rolda de prensa, na que compareceron o responsábel local, Serafín Otero, e máis o responsábel de Iniciativas políticas, Xabier P. Igrexas, a formación nacionalista valorizou que este ano demostrou de maneira definitiva a incompetencia e falla de proxecto para a cidade deste goberno local. Un balanzo que xa frustrou moitas expectativas de persoas que creron que cunha maioría absoluta ao PSOE a cidade ía coller impulso e o que conseguiu foi poñela en coma.
Para Otero o balanzo non pode ser peor. A maioría absoluta do PSOE só serviu para agravar a parálise, a falla de xestión e recortar en democracia, cun goberno que se demostra incompetente para dar resposta aos problemas reais da cidade e da veciñanza. A respecto da falla de iniciativa política do Goberno neste último ano o responsábel local do Bloque afirmou que vemos un goberno amortizado, sen proxecto, esgotado, sen iniciativa e reducido só a anuncios para a galería e propaganda, e cada vez máis reducido a un único superconcelleiro: Abel Caballero. En alusión ao papel do rexedor Otero asegurou que temos un alcalde que está máis preocupado de cogobernar a provincia, intentar tomar o poder do PSdeG e saír na prensa madrileña como presidente da Femp, que de atender os problemas de Vigo.
Ausencia do BNG no Pleno
Este ano tamén deixou en evidencia o moito que se nota a ausencia do BNG no Pleno, do que ficamos fóra por menos de 200 votos e unha lei electoral inxusta manifestou Otero, afirmando que son moitas as persoas e moitísimos os colectivos, que durante estes meses nos teñen trasladado o moito que botan en falla que o BNG teña voz e voto no pleno. Co BNG no pleno, de seguro, a maioría absoluta do PSOE sería moito menos absoluta do que o é sen nós alí. Habería unha maior fiscalización, crítica pero sobre todo habería propostas e alternativas sentenciou.
No entanto, o responsábel local lembrou que de onde non estivo o BNG ausente foi da cidade. O Bloque estivemos e estamos moi presente nos principais conflitos, nas mobilizacións, coa xente na rúa, en contacto permanente coa veciñanza e cos colectivos sociais e nesa liña imos continuar.
Parálise e xestión desastrosa
Pola súa banda, o responsábel de Iniciativas políticas do BNG-Vigo relatou os principais elementos que levan ás nacionalistas a considerar que a situación municipal é de parálise total. Mesmo as malchamadas humanizacións están paradas resumiu Xabier P. Igrexas. O único avance producido neste último ano en Vigo é, para o Bloque, o do recorte de democracia. Abel Caballero é o alcalde da mordaza, como demostra o regulamento do pleno reaccionario que vai impoñer no próximo pleno, para restrinxir o control do goberno e censurar a liberdade de expresión da veciñanza.
En opinión de Igrexas o desastre de goberno que ten a cidade quedou confirmado polo propio secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, cando nunha recente visita só puido poñer en valor o dinoseto instalado na Porta do Sol. Ten razón Sánchez, ese é o mellor emblema da política do PSOE en Vigo, afirmou ao tempo que recoñeceu que produce rubor e bochorno ver a Caballero sacar peito da súa xestión en Vigo nas súas xiras partidistas por Galiza.
Entre os aspectos que merecen dunha crítica máis dura por parte da fronte nacionalista está o colapso dos servizos sociais municipais, que continúan sen dar resposta á situación de emerxencia social da cidade. Merchi, Isa e Ricardo, en risco de desafiuzamento, tiveron que poñerse en folga de fame na praza do Concello para conseguir ser atendidos, e a resposta municipal foi unha esmola insuficiente e ningunha solución criticou Igrexas. Para as nacionalistas a implantación da cita previa na tramitación do cheque social só procura evitar as imaxes de ringleiras infinitas desde a madrugada ás portas do Concello que nos avergoñaron como cidade e que deixaron en evidencia a insensibilidade do goberno.
Inercia
A falla de iniciativa política e a inercia son, para o Bloque, a tónica xeral no conxunto das áreas municipais. Neste senso, refiren a falla de novos proxectos e programas en ámbitos como as políticas de igualdade, a cultura, a promoción do deporte e as políticas de emprego que fican reducidas aos plans municipais creados a proposta do BNG anos atrás. Outro dos eidos nos que non se acometeron melloras é o do transporte colectivo urbano. Tampouco se resolveu o problema de aparcadoiro en moitas zonas da cidade e a política de mobilidade quedou reducida ás chamadas turborotondas.
Igrexas cargou tamén cara a política de desfeita ambiental e o desprezo cara ao medio natural do actual goberno, aludindo a que non se teña iniciado a recuperación do areal do Samil e, en troca, se instalen novos mamotretos hosteleiros a prezos privativos e que o alcalde apadriñe un proxecto brutal como Porto Cabral que quere converter unha parte do pulmón verde da cidade, unha parte do noso monte, nun grande centro comercial. Denunciaron tamén o abandono do Lagares e dos parques da cidade. Con Caballero a cidade non só avanza senón que retrocede. Hoxe temos o urbanismo regulado cunha norma de 1993 e sen que nestes meses após a anulación do PXOM se fixera nada por resolver a situación critican.
Aliás, lamentaron que non se teña iniciado o proceso de remunicipalización dos servizos públicos que agora se prestan por empresas privadas. Non se retorna nada a xestión pública e o único que fixeron foi unha trapallada colosal na concesión do mantemento de parques e xardíns. Puxeron o foco tamén no feito de que a veciñanza de Vigo continuamos a pagar un dos recibos da auga máis caros de Galiza e do Estado, e pagando por unha auga que non consumimos, malia o compromiso reiterado de mudar a tarificación.
Outras das promesas incumpridas teñen a ver co novo hospital de Vigo. Onde está o aparcadoiro municipal público e gratuíto que ía estar en marcha en cuestión de días? Onde está a pasarela peonil? Onde está a mellora dos accesos? preguntaron. Por derradeiro, lamentaron que a falla de cooperación e diálogo con outras administracións estea a agravar o abandono que Vigo padece por parte da Xunta e do Goberno español, citando a estación do AVE, a falla dunha terminal intermodal de buses, a cidade da Xustiza ou a biblioteca do Estado.n>