MUNICIPAIS 2023

Xabier P. Igrexas: “O BNG damos un grande salto en Vigo pero non nos conformamos, seguiremos traballando arreo a partir de mañá”

O candidato nacionalista agradece o apoio das case 15 mil viguesas e vigueses que fixeron posíbel triplicar a representación do BNG no Concello sendo a forza que máis sube na maior cidade galega

Asegura que o obxectivo é seguir facendo “avanzar a alternativa en positivo do Bloque para construír a cidade que merecemos, pateando todos os barrios e parroquias”

Xabier P. Igrexas: “O BNG damos un grande salto en Vigo pero non nos conformamos, seguiremos traballando arreo a partir de mañá”

O Bloque Nacionalista Galego celebra o “grande salto” en Vigo nestas eleccións municipais nas que contou co apoio de case 15 mil viguesas e vigueses que fixeron posíbel triplicar a representación nacionalista no Concello, pasando dun concelleiro a tres. “Pero non nos conformamos, imos seguir traballando arreo a partir de mañá”, afirmou o cabeza de lista do BNG, Xabier P. Igrexas, tras finalizar o reconto.

Igrexas agradeceu este apoio, que considerou un “aval claro ao traballo” realizado durante o último mandato. “Cun único edil exercemos unha oposición construtiva centrada en achegar propostas”, valorou o candidato nacionalista, que asegurou que multiplicando a representación o BNG tamén vai multiplicar os seus esforzos nos próximos catro anos.

“Con inda máis traballo a pé de rúa, pateando cidade, todos os barrios e parroquias e intensificando o noso contacto permanente co tecido asociativo”, comprometeuse Igrexas. “Hoxe non acaba nada e o BNG aspiramos a seguir sumando apoios para volver sermos unha forza determinante na primeira cidade de Galiza”, defendeu.

O candidato nacionalista tivo tamén palabras de agradecemento “de corazón” para toda a militancia do Bloque polo seu traballo durante estes anos e durante a campaña electoral. “Son a espiña dorsal do noso proxecto”, remachou.  

Xabier P. Igrexas: “O BNG damos un grande salto en Vigo pero non nos conformamos, seguiremos traballando arreo a partir de mañá”