O BNG esixe a intervención do Goberno local na folga do servizo de mantemento de zonas verdes de Vigo
A fronte nacionalista demanda a Caballero que “deixe de ollar cara outro lado” e reclame á concesionaria que retome hoxe mesmo as negociacións para desbloquear o conflito
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir a financiar con diñeiro público a precariedade nin consentir que servizos municipais continúen a empobrecer os salarios do seu persoal”
O Bloque Nacionalista Galego esixe a intervención do Goberno municipal na folga indefinida no servizo de mantemento de zonas verdes de Vigo. Así o manifestou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que mantivo un encontro con representantes sindicais no que trasladou o total apoio da fronte nacionalista ás “xustas reivindicacións” do persoal por uns salarios dignos.
Igrexas cualificou de “absolutamente inaceptábel” o bloqueo da negociación colectiva por parte da empresa concesionaria, a UTE entre Acciona e Manten, tendo en conta que o Concello de Vigo adxudicou este servizo por un importe de 34 millóns de euros. “Trátase dun servizo municipal absolutamente básico, sobre todo no contexto do verán onde o adecuado mantemento e limpeza das zonas verdes é esencial en termos de seguridade, habitabilidade e hixiene”, destacou.
O portavoz municipal do Bloque esixiu por estes motivos que Abel Caballero “deixe de ollar para outro lado” e esixa á empresa concesionaria que retome dende hoxe as negociacións na procura dun acordo xusto para desbloquear o conflito. Cuestionou nese sentido que o Goberno local veña de impiler uns servizos mínimos “abusivos” que non se axustan á situación do cadro de persoal para “dificultar o dereito fundamental de folga”.
Complicidade con empresas pirata
Igrexas chamou ao alcalde a abandonar a “súa permanente complicidade con empresas pirata”, en referencia ás concesionarias que prestan servizos ao Concello e que reciben millóns de euros públicos malia incumprir os pregos dos contratos ou non ofrecer garantías para unhas condicións laborais e salariais dignas.
“Non podemos seguir a financiar a precariedade con diñeiro de todas as viguesas e vigueses, nin tampouco consentir que en servizos de titularidade municipal o persoal perda poder adquisitivo, vendo empobrecidos os seus salarios”, defendeu Igrexas.