O BNG de Vigo pide reactivar a figura do “Valedor do Cidadán”
A fronte nacionalista lamenta que desde o ano 2017 o Valedor non teña presentado o seu informe anual perante o Pleno
Denuncian que desde o inicio do actual mandato municipal son xa case 15 mil as queixas recibidas no Concello por parte da veciñanza e volven esixir a constitución da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións
Xabier P. Igrexas: “Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria, na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que o Valedor exerza as súas competencias”
O Bloque Nacionalista Galego trasladará na vindeira Comisión Informativa de Participación Cidadá o reclamo de que se reactive a oficina do “Valedor do Cidadán”, como mecanismo para protexer os dereitos da veciñanza e exercer unha maior supervisión e control sobre o funcionamento dos servizos dependentes do Concello de Vigo.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que a creación da figura do “Valedor do Cidadán” realizouse baixo un goberno liderado polos nacionalistas no ano 2002 sendo unha medida pioneira no conxunto de Galiza.
No entanto, Igrexas lamenta que nos últimos anos a oficina do Valedor teña perdido impulso e capacidade de actuación provocando que “levemos desde o ano 2017 sen que o Valedor presente o seu informe anual diante do Pleno para dar conta das actuacións e trasladar as súas recomendacións para o mellor funcionamento da administración municipal”.
“Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria, na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que o Valedor exerza as súas competencias e compareza diante do Pleno que o designou e do que é comisionado”, explicou.
Igrexas denunciou que desde o inicio do actual mandato municipal, o 17 de xuño de 2023, o Concello de Vigo ten recibido preto de 15 mil queixas a través do rexistro municipal e tamén do servizo 010, que na súa ampla maioría son desatendidas e ás que non se lles da resposta por parte do Goberno municipal. “Falamos de 14.833 queixas en pouco máis dun ano de mandato ao que hai que engadir os numerosos escritos de denuncia ou de solicitude remitidos polo movementos sociais da cidade e que sempre acaban nun caixón”, enfatizou.
Comisión de Suxestións e Reclamacións
Para alén de solicitar o impulso e reactivación do servizo do Valedor/a da Cidadanía, desde o BNG insisten en esixir a constitución da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións, que segue sen se poñer en marcha a pesar do seu carácter legalmente obrigatorio de acordo ao Regulamento Orgánico do Pleno.
Con estas iniciativas o BNG o que persigue é “botar abaixo o muro de silencio co que o desgoberno de Abel Caballero lle vira as costas ás viguesas e aos vigueses, desatendendo as necesidades reais da cidade e mantendo un total abandono dos barrios e parroquias ao tempo que se deixa sen executar cada ano case o 40% do orzamento do Concello”.