O BNG esixe a intervención da Xunta para blindar o futuro da automoción en Vigo fronte á deslocalización

O deputado Brais Ruanova (centro), o portavoz municipal en Vigo Xabier P. Igrexas e a deputada Carmela González (der) reunidos con representantes da CIG-Industria
O deputado Brais Ruanova (centro), o portavoz municipal en Vigo Xabier P. Igrexas e a deputada Carmela González (der) reunidos con representantes da CIG-Industria

A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego diante das ameazas que enfronta o sector e reclama que os fondos europeos “non subvencionen a precariedade”

Brais Ruanova: “O Goberno galego entregou máis de 81 millóns de euros a Stellantis que non melloraron as condicións laborais nin afianzaron a posición das empresas auxiliares”

Xabier P. Igrexas: “O que está a suceder en Denso, en ZF ou en Benteler é o síntoma da falla dunha verdadeira política industrial por parte dunha Xunta do PP na nosa cidade”

O BNG esixe a intervención da Xunta para blindar o futuro da automoción en Vigo fronte á deslocalización

O Bloque Nacionalista Galego esixe unha decidida intervención pública da Xunta para blindar o futuro da automoción en Vigo. Diante das crecentes ameazas e riscos para este sector, a fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para demandar a instalación dunha fábrica de baterías para que non “quede fóra de xogo” no novo escenario do coche eléctrico e tamén para reclamar que os fondos europeos deixen de “subvencionar a precariedade e a deslocalización”

Así o anunciou este luns o deputado do BNG no Parlamento galego e portavoz de Industria, Brais Ruanova, quen mantivo unha xuntanza con representantes sindicais da CIG canda a tamén deputada Carmela González e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Tanto o propio sindicato como o BNG levamos anos alertando da continua deslocalización de actividades cara terceiros países no sector da automoción”, afirmou.

Ruanova citou algúns dos casos que xeran “preocupación” sobre o futuro industrial da cidade, como o anuncio da Centro Tecnolóxico de Automoción de Galiza (CTAG) de apostar pola instalación dun centro de investigación no norte de Portugal, a elección de Marrocos ou China para a compra de compoñentes que deixa fóra empresas como Denso, con aviso de ERTE; a ZF con máis de 500 persoas empregadas nos seus centros de Vigo e Porriño; ou a Benteler, na “corda frouxa” pola deslocalización de producción de Stellantis á súa factoría marroquí en Kenitra.

O deputado nacionalista asegurou que esta “inestabilidade” derívase das decisións de Stellantis da que dependen en gran medida 150 empresas do sector na área de Vigo. Todo malia que Stellantis ten a financiamento do PERTE para o vehículo eléctrico e do visto bo para a nova plataforma STLA Small. “Ponse de manifesto que regar de subvencións públicas unha empresa matriz non é garantía de nada”, defendeu.

Para que serviron os fondos públicos?

Dende o BNG interpelaron nese sentido ao Goberno galego de Alfonso Rueda para coñecer a que se destinaron os máis de 81 millóns de euros entregados a Stellantis na última década dende a Consellaría de Economía e Industria. “Estes fondos non crearon emprego de calidade, nin melloraron as precarias condicións laborais do sector nin serviu para afianzar a posición das empresas auxiliares”, lamentou Ruanova.

O deputado do Bloque asegurou que neste momento histórico de cambios que van determinar o futuro do sector é “urxente unha resposta como país”, na que a Xunta “non pode ficar de lado”. Demandou nese sentido un Plan director para a Automoción, con consenso entre os diferentes actores económicos e sociais, así como medidas que garantan a carga de traballo nas auxiliares para diminuír a súa dependencia de Stellantis.

Fábrica de baterías e compoñentes

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou que a situación “crítica” en empresas como Denso, ZF ou Benteler ou as “incertezas” en Gestamp, Faurecia, Maderas Fiber ou Asientos de Galicia son síntomas que evidencian a “falla dunha verdadeira política industrial” por parte do Goberno galego. Como mostra desa responsabilidade, subliñou o feito de que ningunha nova factoría se teña instalado na área dende 2008 ou que na Plisan non se trasladara ningunha empresa do sector.

Igrexas valorou como “absolutamente irrenunciábel unha enérxica intervención pública” que pule, entre outras medidas, pola instalación dunha fábrica de baterías e doutros compoñenentes para que a automoción viguesa “non quede fóra de xogo” no novo escenario do coche eléctrico.

Fondos europeos para robustecer o sector

O portavoz nacionalista mostrouse moi crítico coa xestión “ultracentralista e burocráctica” dos fondos europeos, afeando que se destinen a abaratar custes e precarizar máis as condicións laborais, en lugar de atender as necesidades do sector para blindar a súa produción e robustecer a súa competividade en termos de innovación e calidade.

Igrexas expresou o “enorme cansanzo” que provocan as políticas “bluf” da Xunta do PP e do Goberno español, en relación aos anuncios frustrados da instalación dunha factoría de Mitsubishi na Plisan e “a mil veces prometida” fábrica de fotóns ou o World Car Center comprometidos pola Zona Franca de Vigo. “Abonda xa de fume propagandístico, de posados fotográficos e de boas palabras”, cuestionou.
 

Así, dende o BNG comprometéronse a seguir defendendo con “firmeza” o futuro da automoción de Vigo, tanto en Galiza como en Madrid e Bruxelas, para poñer fin á “desertización industrial” dos últimos 15 anos, que provocou xa a destrución de 7.400 postos de traballo.

O BNG esixe a intervención da Xunta para blindar o futuro da automoción en Vigo fronte á deslocalización