O BNG defenderá no Pleno de Vigo o rexeitamento á instalación da “bomba ambiental” de Altri
A fronte nacionalista traslada unha moción para que o Concello amose a súa oposición a este proxecto polos seus impactos sobre o medio natural e a auga no corazón de Galiza
Xabier P. Igrexas: “As graves afeccións do macrocomplexo industrial de Altri van máis alá dos concellos da contorna, atentan contra os intereses xerais de Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno de Vigo o rexeitamento á instalación da “bomba ambiental” de Altri. A fronte nacionalista traslada unha moción para que o Concello vigués amose a súa oposición a este proxecto polos seus impactos sobre os recursos naturais no corazón de Galiza.
“É hora de dicir non á instalación da planta de Altri en Palas de Rei, tamén desde a maior cidade galega, para defender un futuro máis sustentábel para o noso país”, salientou o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen tachou este proxecto de “depredador e especulativo” por consolidar un modelo de “dependencia, espolio e incremento do proceso eucaliptizador”.
Igrexas asegurou que permitir proxectos como o de Altri é incompatíbel cun modelo de desenvolvemento que favoreza o benestar das persoas e a conservación do entorno. “As graves afeccións van máis alá dos concellos da contorna, atentan contra os intereses xerais de Galiza”, subliñou sobre a moción que o BNG vai trasladar tamén ao resto de concellos galegos.
Dende a fronte nacionalista denunciaron ademais a tramitación “opaca e con enganos” por parte da Xunta de Galiza do PP. “Publicitou xunto coa empresa unha planta circular e de produción de fibras téxtiles cando en realidade estamos diante dun macrocomplexo industrial equivalente a unha factoría clásica de produción de celulosa”, afeou Igrexas.
O portavoz municipal do Bloque acusou o Goberno galego de Rueda de repetir con este proxecto o modelo de “espolio colonial dos recursos naturais” de ENCE na ría de Pontevedra: dispoñibilidade de solo barato e de eucalipto a grande escala e a prezos baixos, primeira transformación con escaso valor engadido, e destino principal á exportación sen peche de ciclos.
Máis consumo de auga que a provincia de Lugo
Sobre as afeccións ambientais, dende o Bloque alertaron do “inmenso” consumo de auga previsto por esta planta de Altri, con 16 millóns de metros cúbicos de auga ao ano, superior ao consumo diario de toda a provincia de Lugo. A isto hai que engadir a auga que se devolverá ao sistema tras ser utilizada para a produción cunha “carga significativa de contaminantes”, afectando á calidade da auga para o consumo humano, ao baño e á biodiversidade acuática con especial incidencia no río Ulla e na Ría de Arousa.
As nacionalistas advertiron tamén que este proxecto vai precisar de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto cada ano, aproximadamente 20% da produción de toda Galiza. Unha demanda que, a xuízo do BNG, incentivará a plantación ilegal de eucaliptos, incrementando aínda máis os problemas ambientais deste tipo de monocultivo pirófito.
“É fundamental protexer os nosos recursos hídricos e forestais e garantir un desenvolvemento económico que sexa sostible e respectuoso co medio ambiente”, defendeu Igrexas, quen considerou que esta posición é compartida por unha amplísima maioría das viguesas e dos vigueses que “saben que o futuro só pode ser verde”.