COMUNICADO
O BNG lamenta inmensamente o tráxico falecemento dun bombeiro de Vigo
Diante da tristísima nova do falecemento dun bombeiro da cidade esta mañá, mentres participaba dun operativo, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos trasladar, antes de máis, o noso sincero afecto e alento á súa familia, amizades e ao conxunto dos seus compañeiros do corpo de bombeiros. Poden ter a certeza de que a cidade enteira, todas as viguesas e vigueses, estamos con eles e lamentamos inmensamente esta morte inxusta, ratificando o noso maior recoñecemento ao servizo absolutamente esencial que prestan os bombeiros en favor da seguridade de todas e todos.
Agardamos que nas vindeiras horas se avance no total esclarecemento das circunstancias que envolven esta tráxica morte, e anunciamos que o BNG imos solicitar con carácter inmediato que o Goberno municipal informe en detalle das condicións do operativo e tamén da situación urbanística do inmoble afectado.
Así mesmo, imos trasladar ao resto de portavoces municipais, tanto do PSOE e do PP, a proposta de que no caso de que se manteña a celebración do vindeiro Pleno, convocado para o luns, a sesión inicie cun minuto de silencio de toda a Corporación na memoria do bombeiro falecido.
Vigo, Galiza, a 25 de maio de 2024.
Xabier P. Igrexas
Portavoz municipal do BNG de Vigo