PP e PSOE impiden que o Pleno de Vigo aprobe a moción do BNG contra a “bomba ambiental” de Altri
A fronte nacionalista acusa aos populares de “actuar como comerciais” da empresa e cualifica de “vergoñenta” a abstención do grupo socialista contra a macrocelulosa
Xabier P. Igrexas: “É hora de dicir non á instalación da planta de Altri no corazón de Galiza, recollendo o clamor popular deste domingo, tamén desde a maior cidade galega”
O Bloque Nacionalista Galego afea que o PP e o PSOE impediran este luns que o Pleno de Vigo aprobara a moción nacionalista contra a “bomba ambiental” de Altri. A fronte nacionalista acusa aos populares de “actuar como comerciais” da empresa co seu voto en contra e cualifica de “vergoñenta” a abstención do grupo socialista contra o proxecto de instalación da macrocelulosa en Palas de Rei.
“As graves afeccións desta bomba ambiental van máis alá dos concellos da contorna, atentan contra os intereses xerais de Galiza”, defendeu na sesión o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, chamando a “superar o modelo espoliador que utiliza os nosos recursos a baixo custo para finalizar os ciclos produtivos fóra sen desenvolver industrias de valor engadido e que teñan un efecto tractor na economía galega”.
O voceiro nacionalista acusou ao grupo municipal do PP de “frivolizar” na sesión plenaria comparando as advertencias do Bloque sobre os riscos da planta de Altri con Chernóbil. “Da complicidade descarada con ENCE en Pontevedra agora pasan directamente a comerciais de Altri atrevéndose a presentar esta industria de enclave como un proxector tractor”, criticou Igrexas, que asegurou que os populares “saben tanto de economía produtiva como de protección ambiental: absolutamente nada”.
Dende o Bloque lamentaron que o PP “desprece” desta maneira as opinión das organizacións de defensa ambiental, dos consellos reguladores de entidades empresariais e a posición unánime en contra dos concellos afectados. “Pero o máis grave é que desprezan a verdade e se atreven a dicir que este proxecto é o mesmo que se trasladou no Parlamento galego hai varios anos”, salientou, lembrando que inicialmente se presentou como unha planta de fibras téxtiles o que hoxe é unha macrocelulosa.
Traizón do PSOE
O portavoz municipal do BNG cuestionou tamén a abstención do grupo socialista no Pleno de Vigo baixo a “escusa” de que non é un asunto que afecte á urbe. “Vigo non é unha cidade-estado, isolada do resto do País, é a primeira cidade de Galiza e o proxecto do BNG é que a nosa cidade sexa o motor dunha nova Galiza”, defendeu Igrexas.
Tachou nese sentido de “vergoñento” que o PSOE de Vigo “fuxa” de tomar posición sobre esta ameaza ambiental por poñerse “ao servizo da estratexia que lle dictan dende Santiago” de non dicir si nin tampouco que non a Altri. “É vergoñento verlles traizoar mesmo os seus propios compañeiros do PSOE en Palas de Rei, que dende o pasado 20 de marzo rexeitan de maneira clara e rotunda este proxecto de macrocelulosa”, engadiu, para remachar que o PSOE de Abel Caballero “non serve a Vigo nin a Galiza, só se serve a si mesmo”.