O BNG aposta por renovar o mapa de liñas do bus urbano de Vigo con participación veciñal
A fronte nacionalista inicia a rolda de contactos da campaña ‘Máis buses, menos multas’ cunha reunión coa Favec recollendo propostas e necesidades para mellorar o servizo
Alerta do risco de que o estudo encargado polo Goberno de Caballero sexa unha “coartada para empeorar máis o transporte en función dos intereses da concesionaria”
Xabier P. Igrexas: “Hai alternativa ao desastre de servizo de bus que presta Vitrasa”
O Bloque Nacionalista Galego aposta por renovar o mapa de liñas do servizo de autobús urbano de Vigo. A fronte nacionalista vén de trasladar esta proposta despois de manter este venres unha xuntanza coa Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) como punto de partida da campaña do Bloque ‘Máis buses, menos multas’ para revolucionar a mobilidade na cidade.
“Deste encontro puidemos comprobar o elevado nivel de coincidencia tanto na diagnose dos problemas que ten o bus urbano na cidade como nas medidas para mellorar o servizo”, destacou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen recolleu as propostas e necesidades trasladadas pola Federación Veciñal xunto co tamén concelleiro nacionalista, Filipe Abalde.
Igrexas subliñou que o redeseño do mapa de liñas é unha “reivindicación histórica” do movemento veciñal de Vigo, co obxectivo de conectar “de verdade” os 110 quilómetros cadrados do termo municipal. “A cidade non remata no seu centro, son tamén os seus barrios e parroquias que fican na práctica illadas por un moi deficiente servizo de bus urbano, agravado dende o ano 2019 coa redución de 250 frecuencias”, asegurou.
Un novo mapa de liñas que, a xuízo do Bloque, ten que ir acompañado dun aumento substancial das frecuencias de paso dos buses así como dunha mellora dos actuais horarios. Nese camiño, dende a fronte nacionalista consideraron “imprescindíbel” contar coa participación da veciñanza a través do movemento asociativo “que é quen mellor coñece os problemas e necesidades” do servizo de transporte urbano.
“Estudo trampa”
O portavoz municipal do BNG lamentou nese sentido que Abel Caballero continúe “instalado na xordeira autoritaria” de cara á fin da concesión do bus urbano o vindeiro ano 2025. Así, a única medida adoptada polo Goberno municipal foi encargar un estudo técnico, licitado o pasado decembro por un importe próximo aos 400 mil euros, que se está a elaborar de forma “opaca e sen diálogo”.
“A empresa á que se lle encargou este informe non se puxo en contacto co movemento veciñal”, afeou Igrexas. Alertou por estes motivos do “risco real” de que o estudo sexa unha “trampa que sirva de coartada para empeorar aínda máis o servizo de bus urbano en función dos intereses da concesionaria”, impoñendo criterios de custo-efectividade no novo deseño das liñas para prescindir de aquelas que non son rendíbeis para a empresa pero que son “vitais” para a veciñanza dos barrios e parroquias.
Dende a fronte nacionalista demandaron así que o Goberno local aclare en que situación se encontra este estudo, que informe con quen se está a falar e dialogar, que datos se están a recoller e cales son os obxectivos do mesmo. “O BNG queremos deixar claro que hai alternativa ao desastre de servizo de bus que presta Vitrasa”, defendeu Igrexas, quen anunciou que nos próximos días e semanas continuarán coa rolda de encontros con colectivos e entidades sociais para seguir recollendo as súas ideas e necesidades.
“Sabemos que existe un obxectivo compartido de dotar a cidade de Vigo dunha mobilidade alternativa que nos permita avanzar cara a unha cidade máis sustentábel en termos ecolóxicos, máis segura e moito máis habitábel onde as persoas lle gañen espazo aos coches”, remachou o voceiro municipal do Bloque.
Reunir o Consello Sectorial de Transportes
Pola súa banda, a presidenta da Favec, María Pérez, subliñou a coincidencia do movemento veciñal coas propostas da campaña do BNG ‘Máis buses, menos multas’, que incorpora moitas das reivindicacións históricas do asociacionismo vigués. Lamentou por contra que o Goberno municipal continúe a desoír as demandas veciñais en relación ao servizo de bus urbano. Nese sentido, Pérez chamou a que convoque o Consello Sectorial de Transportes, como órgano de participación sobre a mobilidade da cidade, que leva sen reunirse dende finais do ano 2019.