O BNG defende un maior compromiso do Concello de Vigo en materia de cooperación internacional
A fronte nacionalista comprométese a aumentar a asignación orzamentaria para programas de cooperación, reactivar o Consello Local de Cooperación, reincorporar ao Concello no Fondo Galego e recuperar o proxecto de sensibilización ‘Impórtanos’, tras manter unha xuntanza coa Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Xabier P. Igrexas: “O mellor antídoto fronte á ameaza reaccionaria que alenta a ultradereita é fortalecer o noso compromiso en favor da xustiza social e dos dereitos humanos”
O Bloque Nacionalista Galego defende un maior compromiso do Concello de Vigo en materia de cooperación internacional. Así o afirmou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após manter este martes unha xuntanza coa Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento na que trasladou as propostas da fronte nacionalista nesta materia como aumentar a asignación orzamentaria para programas de cooperación, reactivar o Consello Local de Cooperación, reincorporar ao Concello no Fondo Galego e recuperar o proxecto de sensibilización ‘Impórtanos’.
“Non abonda con reivindicacións retóricas nin con colocar un pin da Axenda 2030, cómpre despregar máis esforzos e recursos desde o local para enfrontar os grandes retos globais”, defendeu Igrexas diante do que cualificou como “axenda do medo da ultradereita españolista” marcada polos discursos de odio, de machismo, de xenofobia e racismo e de LGBTfobia.
“O BNG consideramos que o mellor antídoto fronte a esta ameaza reaccionaria é precisamente fortalecer o noso compromiso en favor da xustiza social e dos dereitos humanos, desde unha perspectiva internacionalista, solidaria e que aposte decididamente pola paz fronte as guerras e o crecente militarismo”, reivindicou o candidato do Bloque.
Propostas do BNG de Vigo
Entre as propostas, o edil nacionalista chamou a poñer de novo en marcha o Consello Local de Cooperación e Solidariedade Internacional, após máis de 6 anos sen reunirse, dotándoo de maior participación dos colectivos sociais como un “verdadeiro espazo de codecisión” para elaborar unha Estratexia Local de carácter plurianual.
Sobre as partidas orzamentarias, Igrexas demandou incrementar os recursos para programas de cooperación e desenvolvemento até acadar como mínimo o 0,7% do total no remate do vindeiro mandato. Cuestionou a escasa asignación actual, por baixo do 0,1%, e reclamou tamén que se distribúan estes recursos mediante convocatorias públicas, transparentes e de libre concorrencia competitiva.
Dende o BNG lamentaron tamén a decisión “unilateral” do actual Goberno municipal de deixar ao Concello de Vigo fóra do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Internacional. Neste sentido, o candidato do Bloque apostou por reincorporalo e impulsar a creación dun Comité de Emerxencias para coordinar as accións de axuda humanitaria. Ademais, chamou a reforzar o traballo de sensibilización retomando o abandonado proxecto ‘Impórtanos’ xunto con outras iniciativas e programas.