O BNG de Vigo defende máis participación e diálogo fronte ao Goberno do “aquí mando yo”
Os votos do PSOE no Pleno tombaron a moción nacionalista que buscaba “blindar o dereito das viguesas e vigueses a seren escoitados tamén cando pensan diferente” cun novo Regulamento de Participación Cidadá
Xabier P. Igrexas: “O compromiso do BNG é devolverlle o Concello á cidadanía, poñendo fin a esta etapa escura de autoritarismo e xordeira do Goberno municipal”
O concelleiro do Bloque interpelou o Goberno municipal sobre as actuacións adoptadas diante do procesamento xudicial dun axente da Policía Local acusado de agresión sexual
O Bloque Nacionalista Galego afea a negativa do goberno de Abel Caballero a poñer en marcha un novo regulamento de Participación Cidadá no Concello de Vigo. Os votos do PSOE local tombaron a moción nacionalista ao Pleno municipal, celebrado este mércores, coa que o Bloque buscaba “blindar o dereito das viguesas e vigueses a seren escoitados tamén cando pensan diferente” fronte ao actual Goberno do “aquí mando yo”.
O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou que esta negativa é unha evidencia máis das “prácticas antidemocráticas e dos tics autoritarios” que marcaron o actual mandato. “Nestes anos vimos como se agravou o maltrato e a discriminación por parte do Goberno municipal en contra de todas as asociacións e colectivos que se atreveron a discrepar ou visibilizar a través da denuncia pública as necesidades da cidade que están desatendidas”, denunciou.
Nese sentido, a moción do Bloque pedía “abrir un tempo novo que respecte a pluralidade e diversidade” da cidade. “O compromiso do BNG é devolverlle o Concello á cidadanía, poñendo fin a esta etapa escura de autoritarismo e xordeira”, apostou Igrexas, que lembrou que as transformacións que fixeron medrar e avanzar Vigo sempre foron resultado da suma de vontades de todas as viguesas e vigueses.
Outro dos puntos da proposta nacionalista chamaba a “revitalizar” e crear novos consellos sectoriais municipais co obxectivo de desenvolver espazos de codecisión cidadá e evitar que a tramitación de proxectos como os orzamentos municipais ou do novo PXOM non incorporen ningunha achega da veciñanza nin do resto de forzas políticas da oposición.
Ademais, o BNG demandaba facilitar a promoción de iniciativas populares e a intervención de asociacións e colectivos no propio Pleno municipal, criticando o “profundo desprezo” amosado polo alcalde cara o máximo organismo de representación da cidade diante das súas continuas ausencias, entre elas, nesta derradeira sesión ordinaria onde apenas permaneceu unha hora.
Medidas contra o axente local acusado de agresión sexual
Durante a sesión do Pleno celebrada este mércores, o concelleiro do BNG interpelou ademais ao Goberno municipal sobre as actuacións adoptadas diante do procesamento xudicial dun axente da Policía Local acusado de agresión sexual contra unha moza de 18 anos e do quebrantamento dunha orde de afastamento. Igrexas preguntou así se se abriron dilixencias previas, tal como anunciou publicamente o Concello, e se se procedeu a incoar un expediente disciplinario para a suspensión do axente que continúa en activo.