O BNG pide a comparecencia urxente da concelleira de Medio Ambiente polas mortes de animais en Vigozoo
A fronte nacionalista vén de solicitar a convocatoria urxente da Comisión Informativa de Medio Ambiente, para que compareza a responsábel de área e dar explicacións en detalle sobre a situación de abandono do zoo
Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que o desleixo do Goberno de Abel Caballero faga que Vigozoo pase de cárcere a tanatorio de animais”
O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar formalmente a convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello de Vigo, para que nela compareza a concelleira-delegada da área, Nuria Rodríguez, para dar explicacións en detalle da situación de abandono que atravesa Vigozoo.
A fronte nacionalista exixe que o Goberno municipal aclare os motivos da morte dun exemplar de lémur, que se ven de coñecer recentemente, e que se engade ao deceso doutros animais nos últimos anos en extrañas circunstancias.
“Non podemos tolerar que o desleixo do Goberno municipal de Abel Caballero faga que Vigozoo pase de cárcere a tanatorio de animais”, afirmou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas
Igrexas reiterou a necesidade de poñer fin ao modelo exhibicionista de Vigo Zoo, implementando a estratexia Zoo XXI e reconfigurándoo de maneira efectiva como un centro de recuperación e estudo da fauna e como un espazo para a sensibilización social sobre a protección e benestar animal.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista urxiu a efectivizar os acordos incluídos na moción en favor do benestar animal na cidade, aprobada polo Pleno o pasado mes de decembro a proposta do BNG e na que se declarou Vigo como cidade contraria de todas as formas de maltrato animal.
“A defensa do benestar animal ten que principiar por garantir os debidos coidados da fauna que está baixo custodia do propio Concello en Vigozoo”, remachou.