O BNG de Vigo comprométese a que o Concello deixe de “castigar” á mocidade creadora

Encontro Mocidade+Cultura BNG Vigo Galiza Nova
Encontro Mocidade+Cultura BNG Vigo Galiza Nova

A fronte nacionalista presenta nun encontro aberto as súas propostas para facer que Vigo volva ser referente en políticas culturais para a mocidade fronte á “clausura total” decretada nos últimos anos polo Goberno de Caballero

Xabier P. Igrexas: “A mocidade de Vigo non merece un alcalde teloneiro, o que merece é un Concello que promova a creación cultural e o talento da xente nova en lugar de fechar o Vigosónico ou poñer atrancos á música ao vivo”

O BNG de Vigo comprométese a que o Concello deixe de “castigar” á mocidade creadora

O Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova realizaron este sábado un encontro aberto baixo o título “Mocidade+Cultura” para poñer en común as súas alternativas en materia de políticas xuvenís e culturais. No acto participaron Kaixo, músico e responsábel da Sala Molotov; Sandra Núñez Figueroa, actriz; Alba Guzmán, escritora, e Daniel Valladares, da plataforma Grupos en Loita.

O concelleiro e candidato do  BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que “a mocidade de Vigo non merece a un alcalde teloneiro senón un Concello que promova a creación cultural e o talento da xente nova en lugar de fechar o Vigosónico ou poñer atrancos á música ao vivo”.

Igrexas comprometeuse a que un  BNG determinante será a garantía de que o Concello deixe de “castigar” á mocidade creadora poñendo fin á política de “clausura total” decretada polo Goberno de  Abel Caballero. Neste sentido, definiu como primeiro paso recuperar os espazos e programas xuvenís desaparecidos nos últimos oito anos.

“A mocidade de Vigo merece máis e mellor Vigosónico, pero tamén recuperar o Súbete ó Castro, os Castroconcertos, a Liga Xuvenil de Improvisación Teatral, o Punto Xove e tamén unha Casa da Xuventude que sexa moito máis que unha conserxería”, afirmou

A fronte nacionalista avoga tamén por poñer en marcha un ambicioso programa de formación musical gratuíta, a creación dun circuíto de música ao vivo en toda a cidade, impulsar un ciclo audiovisual de novas creadoras/es, o apoio aos novos talentos literarios, o impulso da cultura urbana ou a posta en marcha dun novo grande centro para a creación artística.

O candidato nacionalista lembrou que foi o impulso do BNG desde a concellaría de Xuventude en diferentes gobernos a que lograra facer de Vigo unha cidade “referente de políticas xuvenís a nivel galego e de todo o Estado, con iniciativas transformadoras desde as Noites Vivas até o Vigosónico”.

“As mozas de Vigo saben que o BNG vai atender sempre as súas necesidades e empurrar o seu talento e inmensa forza creativa, e saben que o faremos como sempre fixemos, sen paternalismo e coa participación directa da xente moza”, remachou Igrexas.

O BNG de Vigo comprométese a que o Concello deixe de “castigar” á mocidade creadora