O BNG critica a inacción da Xunta diante das denuncias veciñais en Matamá pola contaminación de Stellantis
A fronte nacionalista reclama ao Goberno galego que garanta o “cumprimento da legalidade medioambiental” diante das queixas polos cheiros e ruídos da factoría viguesa
Carmela González: “Pasaron 20 anos sen que os Gobernos galego, español e municipal tomasen ningunha medida malia as graves consecuencias desta contaminación”
O Bloque Nacionalista Galego critica a inacción da Xunta a respecto da contaminación que a veciñanza do Roupeiro e Parada, na parroquia de Matamá en Vigo, leva padecendo 20 anos. A fronte nacionalista reclama ao Goberno galego que garanta o “cumprimento da legalidade medioambiental” diante das reiteradas protestas polos ruídos, malos cheiros e partículas de pintura que proveñen da factoría de Stellantis.
“Pasaron dúas décadas sen que os Gobernos galego, español e municipal tomasen ningunha medida malia as graves consecuencias desta contaminación”, recriminou a deputada viguesa do BNG, Carmela González, que lembrou que esta situación xa foi denunciada polas veciñanza afectada e a xustiza resolveu que “non existían dúbidas da responsabilidade da actual Stellantis en Vigo”.
A deputada nacionalista asegurou que a actividade industrial e o coidado medioambiental non son elementos incompatíbeis
“Stellantis debe cumprir a legalidade medioambiental tomando todas as medidas que sexan precisas”, reclamou, emprazando á Consellería de Medio Ambiente a garantir que a factoría viguesa cumpre coa lexislación.
González fixo referencia ás afectadas e afectados, “que xa se dirixiron ao concello de Vigo, ao Estado, á Xunta, á Valedora do Pobo, á Unión Europea” sen que até a día de hoxe se teña adoptado ningunha medida para corrixir esta situación. De feito, lamentou que pese a que estes colectivo veciñais solicitaron entrevistas e mandaron escritos ao Goberno galego do PP, só recibiron como resposta os informes da propia empresa descartando esta contaminación.
Silencio insultante
Na mesma liña, o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou o “silencio tan atronador como insultante” de todas administracións diante das reiteradas denuncias veciñais. “É inexplicábel que a estas alturas, cando xa hai solucións técnicas que dan garantías, a veciñanza de Matamá siga padecendo molestias e consecuencias sobre a saúde por causa da actividade industrial”, cuestionou.
Igrexas trasladou o “completo apoio” do Bloque ás veciñas e veciños afectados e o compromiso para seguir reclamando que “sexan atendidas as súas demandas, que non son outras que poder vivir de maneira tranquila, segura e saudábel nas súas propias vivendas”.