O BNG chama a unha mobilización masiva polo 8M en Vigo “sen medo nin vergoña” fronte ao avance do machismo

Manifestación do 8M en Vigo do ano 2024
Manifestación do 8M en Vigo do ano 2024

A fronte nacionalista defende un compromiso real, con medidas e recursos necesarios da Xunta e do Concello, para facer da loita pola igualdade unha verdadeira prioridade política

Carmela González: “O feminismo é unha forza imparábel que vai seguir avanzando para conquistar liberdade, igualdade e xustiza”
O BNG chama a unha mobilización masiva polo 8M en Vigo “sen medo nin vergoña” fronte ao avance do machismo

O Bloque Nacionalista Galego chama a unha mobilización masiva polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, para enviar unha mensaxe clara contra o avance do machismo. A fronte nacionalista defende un compromiso real, con medidas concretas e recursos necesarios da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo, para facer da loita pola igualdade unha verdadeira prioridade política.

Cartaz da campaña BNG pola 8M

“Non temos nin medo nin vergoña, e xuntas imos parar a vaga reaccionaria e neofascista que empurra ao machismo”, reivindicou a deputada no Parlamento galego e responsábel local do BNG de Vigo, Carmela González, presentando a campaña nacionalista polo 8M e facendo un chamamento a encher as rúas da cidade na manifestación convocada polo colectivo Resposta Feminista este sábado ás 18:30h dende a praza dos Cabalos. 

González demandou nese sentido reforzar o compromiso feminista dende as institucións fronte ao “crecente odio que só quere perpetuar a discriminación e a opresión” das mulleres. “Só hai unha resposta posíbel: máis feminismo, máis mobilización e máis unión das mulleres en favor da igualdade real”, salientou.

A deputada do Bloque alertou sobre a “dereita reaccionaria e ultraespañolista que pensa que pode pararnos e facernos retroceder para borrar os nosos dereitos, decidiren sobre os nosos corpos, taparnos a boca ou impoñer peores condicións de vida e de traballo polo feito de sermos mulleres”. Fronte a eles, González afirmou que “o feminismo é unha forza imparábel que vai seguir avanzando para conquistar liberdade, igualdade e xustiza”.

Seguindo o lema da campaña do BNG ‘Nin medo nin vergoña’, a responsábel local do BNG defendeu recoller o mandato do feminismo de “máis recursos e menos discursos” para pasar das palabras aos feitos á hora de avanzar en políticas realmente feministas en favor da igualdade.

A ese respecto, González esixiu unha rectificación por parte da Xunta que, durante os últimos 16 anos de desgoberno do PP, só avanzou no recorte e eliminación de recursos e políticas. “Fronte a súa pasividade, o BNG comprometémonos a que Galiza volva ser referente na loita feminista”, reivindicou a deputada nacionalista.

Do mesmo xeito, reclamou ao Concello de Vigo máis medios para medidas de igualdade. “É incomprensíbel que o Concello de Vigo destine apenas 3 mil euros a campañas de sensibilización contra a violencia machista, se negue a crear un programa de apoio ás mulleres ou a despregar máis recursos para atención das súas necesidades, mentres entrega millóns de euros para subvencionar aeroliñas ou luces de Nadal”, remachou.

O BNG chama a unha mobilización masiva polo 8M en Vigo “sen medo nin vergoña” fronte ao avance do machismo