O BNG de Vigo critica que o alcalde “amordazase” a veciñanza de Bembrive impedíndolle intervir no Pleno

Protesta da veciñanza afectada pola A-52 nas portas do Concello de Vigo
Protesta da veciñanza afectada pola A-52 nas portas do Concello de Vigo

Abel Caballero negouse a que a Plataforma Bembrive en Pé puidese intervir na sesión extraordinaria sobre a nova A-52 a pesar de que o regulamento o permite

Critican a posición “cínica e inconsistente” do PP que, no fondo, coincide co PSOE en defender a ampliación da autovía

A fronte nacionalista insistiu en defender a alternativa real da liberación da peaxes da AP-9

Xabier P. Igrexas: 
“Non hai nada máis macarra, non hai peor matonismo político, que utilizar a presidencia do Pleno para impedir que a veciñanza poida falar”

O BNG de Vigo critica que o alcalde “amordazase” a veciñanza de Bembrive impedíndolle intervir no Pleno

O Bloque Nacionalista Galego criticou con dureza a decisión do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de “amordazar” a veciñanza de Bembrive impedindo que puidese intervir no Pleno extraordinario celebrado este xoves en relación ao proxecto de nova autovía Vigo-O Porriño.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, arrancou a sesión formulando unha cuestión de orde instando a que o alcalde atendese a solicitude formulada pola Plataforma Bembrive en Pé para intervir. Petición que, remarcou o nacionalista, estaba amparada polo artigo 228 da Lei de Bases de Réxime Local, o artigo 38 do Regulamento de Participación Cidadá e o 54 do Regulamento Orgánico do Pleno.

“O PSOE volve insistir na súa xordeira autoritaria e négase a escoitar a veciñanza afectada, nin na Entidade Local Menor nin tampouco do Concello”, afeou, subliñando que “a voz da democracia non está só no salón de Plenos senón tamén nas veciñas e veciños que se están a mobilizar neste momento diante do Concello”.

“Non hai nada máis macarra, non hai peor matonismo político, que utilizar a presidencia do Pleno para impedir que a veciñanza poida falar”, remachou.

Traxicomedia

Igrexas cualificou a sesión extraordinaria, convocada por iniciativa do alcalde, de “traxicomedia e farsa” criticando que “PSOE e PP chegan a este debate, que é o sexto sobre este tema nos últimos cinco anos, presos das súas propias contradicións”.

Nese sentido, definiu a proposta de moción defendida polo Goberno municipal e tamén a emenda formulada polo grupo municipal do PP de “delirantes”. “O PSOE quere que este Pleno apoie un proxecto rexeitado masivamente pola veciñanza de Bembrive e despois pide que se atendan as miles de alegacións veciñais na súa contra, e o PP pide apoio total á nova autovía pero con outro trazado que non concretan”, resumiu.

Para o portavoz municipal nacionalista este Pleno volvía evidenciar que “a pesar da propaganda e as escenificacións PSOE e PP están de acordo no fundamental: ampliación da autovía, si”. En contraste, defendeu a fortaleza e coherencia da posición do BNG que se opón rotundamente tanto ao proxecto de ampliación da A-52 como tamén ao novo vial de alta capacidade PO-010 proxectado no novo PXOM.

Igrexas volveu denunciar que o proxecto de nova autovía “non resolve o problema senón que crea novos problemas”. Enumerou para alén das importantes expropiacións de vivendas, vai ter gravísimas afeccións a nivel territorial, tronzando Bembrive, e tamén a nivel ambiental afectando espazos naturais de enorme riqueza.

O nacionalista insistiu en que hai “unha verdadeira alternativa, máis eficiente, máis respectuosa a nivel ambiental, que pode ser inmediata e que pasa por liberar de peaxes a AP-9 que discorre en paralelo á actual autovía, tal e como o propio Abel Caballero reclamaba hai apenas uns anos”.

Piden sinceridade ao PP

Desde o BNG criticaron a posición cínica e inconsistente do Partido Popular pedíndolle que deixe de “tomarlle o pelo á veciñanza de Bembrive”. No concreto, volveu urxir os populares a aclarar que van facer en relación ao novo Plan Xeral, que urxen aprobar, e que inclúe o mesmo trazado para a ampliación da autovía que o proposto polo Ministerio.

“Non insulten á intelixencia das viguesas e dos vigueses, se o ministro Puente nun alarde de iluminación decidise retirar este proxecto como lle esiximos o BNG, se non se modifica o novo PXOM a a veciñanza continuará afectada”, interpelou Igrexas á bancada popular.

“Que outro trazado máxico, sen afectacións, propón o Partido Popular? Explíquenllo á veciñanza de Bembrive e tamén en Mos”, inquiriu Igrexas desmontando un dos argumentos da emenda que formularan á moción do alcalde.

O BNG de Vigo critica que o alcalde “amordazase” a veciñanza de Bembrive impedíndolle intervir no Pleno