O BNG de Vigo acusa a Abel Caballero de crear unha “cortina de fume” para tapar o caso Guns N’ Roses

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo

A fronte nacionalista critica a convocatoria dun pleno extraordinario este xoves xusto a continuación da sesión promovida pola oposición ante a demoledora sentenza do concerto

Afea que utilice como “coartada” a exclusión de Vigo como porto nodal na rede europea

Xabier P. Igrexas: “Por máis que intente fuxir deste escándalo, no que pretendeu entregar 2 millóns á promotora amañando un falso concurso público, Caballero non o vai conseguir”

O BNG de Vigo acusa a Abel Caballero de crear unha “cortina de fume” para tapar o caso Guns N’ Roses

O Bloque Nacionalista Galego acusa o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de crear unha “cortina de fume” para tapar o caso Guns N’ Roses tras a sentenza condenatoria. A fronte nacionalista critica a convocatoria para este vindeiro xoves dun pleno extraordinario por parte do alcalde, xusto a continuación da sesión promovida previamente pola oposición para explicar o “escándalo” do concerto.

“É indecente que o alcalde utilice un asunto estratéxico para a cidade como coartada para intentar desviar a atención dun Pleno, o de Guns N’ Roses, no que ten moitas preguntas que responder”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen advertiu ao rexedor que as graves irregularidades constatadas no fallo do Xulgado Contencioso Administrativo non poden quedar sen aclarar.

Para o portavoz nacionalista, o Goberno de Caballero “mentiu descarada e continuadamente” sobre a xestión do concerto. “Por máis que intente fuxir deste escándalo, no que o seu Goberno pretendeu entregar de maneira irregular 2 millóns de euros á promotora amañando un falso concurso público, o alcalde non o vai conseguir”.

Sobre a celebración dun pleno extraordinario, relativo á exclusión de Vigo como porto nodal, dende o Bloque reprocharon o “cinismo olímpico” de Caballero por convocar esta sesión despois de vetar en decembro pasado unha declaración institucional proposta polo BNG sobre o asunto. “O alcalde agora pretende abandeirarse desta cuestión para evitar responder das súas responsabilidades no caso Guns N’ Roses”, afeou Igrexas.

Por contra, o portavoz do Bloque no Concello chamou a abordar con “seriedade” un asunto estratéxico para a cidade como a exclusión do porto vigués da Rede Transeuropea de Transportes. “É unha decisión inxusta que respondeu a criterios máis políticos que técnicos”, denunciou.

Dende o Bloque criticaron tamén a proposta de moción ‘ómnibus’ presentada polo alcalde, un documento que non foi consensuado con ningún outro grupo da corporación municipal e no que inclúe “de todo” como a conexión por tren de Bouzas ou infraestruturas como a A-52 ou a AP-9.

O voceiro municipal do BNG fixo nese sentido un chamamento á responsabilidade tanto do PSOE como do PP para seguir dando a batalla para que Vigo sexa recoñecido porto nodal. “Non imos consentir que usen unha cuestión tan importante para a cidade para confrontar na súa permanente lea partidista, botando as culpas uns nos outros”, advertiu Igrexas. “Do que se trata é de facer valer os intereses de Vigo e de Galiza”, engadiu.

Dende a fronte nacionalista tenderon de novo a man ao resto de grupos para lograr un acordo unánime que “envíe a Madrid e a Bruxelas unha mensaxe en chave de cidade” para defender a condición de Vigo como porto nodal.

Nese camiño, demandou Igrexas, cómpre demandar do Goberno español todas as accións necesarias, entre elas a revisión a nivel comunitario dos criterios actuais, que privilexian as cantidades por riba do valor engadido, tendo en conta que Vigo destaca no transporte de vehículos e mercadorías de alto valor. Do mesmo xeito, o Bloque considera “irrenunciábeis” medidas de apoio adicional á terminal portuaria viguesa para compensar a perda de oportunidades e de acceso ao financiamento por esta exclusión. 

O BNG de Vigo acusa a Abel Caballero de crear unha “cortina de fume” para tapar o caso Guns N’ Roses