O BNG traslada ao Parlamento galego a morte de varios animais en Vigozoo diante dos indicios de envelenamento
A fronte nacionalista esixe á Xunta e ao Concello que aclaren as actuacións realizadas após facerse públicas novas sospeitas sobre incumprimentos na conservación da fauna
Carmela González: “Se o Goberno galego ten indicios de que as condicións dos animais non están sendo as adecuadas, non pode deixar correr e ten que actuar”
Xabier P. Igrexas: “Hai que acabar dunha vez por todas con este modelo que converteu a Vigozoo nunha especie de cárcere de animais e que vai camiño de ser un tanatorio”
O Bloque Nacionalista Galego levará ao Parlamento galego a morte de varios animais en Vigozoo diante de novos indicios que apuntan ao envelenamento como causa dos falecementos. A fronte nacionalista esixe á Xunta de Galiza e ao Concello de Vigo que aclaren as actuacións realizadas após facerse públicas novas sospeitas sobre incumprimentos na conservación da fauna.
Así, a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, anunciou unha batería de iniciativas para que o Goberno galego dea conta das xestións da Consellaría de Medio Ambiente, tras coñecerse que os servizos de Patrimonio Natural da Xunta contan con evidencias que sinalan o “envelenamento por matarratos” como motivo das mortes, tal como se desprende do informe de inspección anual do zoolóxico municipal.
“Se a Xunta ten indicios de que as condicións da fauna non están sendo as adecuadas, non pode deixar correr e ten que actuar”, urxiu a deputada nacionalista, que pediu tamén a implicación do Goberno galego para iniciar o proceso de transformación de Vigozoo “deixando atrás o actual sistema exhibicionista e avanzando cara un espazo de conservación de fauna e sensibilización ambiental”.
"De cárcere a tanatorio de animais"
Na mesma liña, o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou o “silencio tan atronador como intolerábel” do Goberno municipal, transcorridos máis de 10 días dende que a propia fronte nacionalista solicitase toda a documentación e a comparecencia urxente da edil de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, para dar explicacións sobre a “grave” situación dos animais que están baixo custodia do Concello.
Igrexas asegurou que “o compromiso do BNG é o de facermos Vigo unha cidade referente no benestar animal”. Neste sentido, reclamou como primeiro paso “acabarmos dunha vez por todas con este modelo caduco que converteu a Vigozoo nunha especie de cárcere de animais e que, por culpa da mala xestión do Goberno de Abel Caballero, vai camiño de converter o zoo da Madroa nun grande tanatorio”.