O BNG propón designar como Vigueses/as Distinguidas ao colectivo ‘Os Ninguéns’, Carlota Pérez e Antonio Collazo

A fronte nacionalista defende estas propostas "sobradamente motivadas" polas súas achegas en favor da cidade e agarda que o alcalde non as “vete por sectarismo”, como sucedeu en anos anteriores.

Xabier P. Igrexas: “Os Vigueses/as Distinguidas son un recoñecemento do conxunto da cidade e non só do Goberno, polo que deben deben responder e respectar a pluralidade”

O BNG propón designar como Vigueses/as Distinguidas ao colectivo ‘Os Ninguéns’, Carlota Pérez e Antonio Collazo

O Bloque Nacionalista Galego propón designar como Vigueses e Viguesas Distinguidas este ano 2023 ao Foro Socioeducativo ‘Os Ninguéns’ e a título póstumo a Carlota Pérez Conde e Antonio Collazo Collazo. A fronte nacionalista defende estas propostas "sobradamente motivadas" pola súa achega en favor da cidade e agarda que o alcalde, Abel Caballero, non as “vete por sectarismo”, como sucedeu en anos anteriores.

Así o anunciou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que esta distinción “é un recoñecemento do conxunto da cidade e non só dunha parte, polo que deben deben responder e respectar a pluralidade da cidade”, en alusión ao nomeamento unilateral por parte do Goberno municipal das últimas edicións.

Igrexas destacou sobre a proposta do Foro Socioeducativo ‘Os Ninguéns’ a “inxente actividade en favor da xustiza social” deste colectivo constituído hai oito anos. “Cun traballo a pé de rúa, de carácter voluntario e sen ningún financiamento público, teñen contribuído ao empoderamento das persoas empobrecidas no camiño de avanzarmos cara a unha cidade socialmente xusta e igualitaria”, asegurou o concelleiro do Bloque, que significou o seu papel como “altofalante para visibilizar ás persoas invisíbeis fronte a desatención que padecen por parte das diferentes administracións”.

En relación a Carlota Pérez Conde, o voceiro nacionalista en Vigo puxo en valor o seu labor en defensa da xustiza social e, singularmente, do dereito á vivenda. Falecida en 2021, foi fundadora da Plataforma Antidesafiuzamentos (PAH) Vigo-Tui cun “desempeño chave para visibilizar a grave problemática da vivenda”, primeiro cos despexos hipotecarios e nos últimos anos afectando de “maneira moi dura ás inquilinas e inquilinos máis vulnerábeis en réxime de alugueiro”. Igrexas destacou de Carlota Pérez que foi “unha persoa xenerosa, solidaria e dunha enorme calidade humana” e como “unha loitadora intafigábel que deixou unha pegada imborrábel na cidade”.

Tamén a título póstumo, a fronte nacionalista propuxo o nome de Antonio Collazo Collazo, adherindo a proposta realizada pola Asociación Veciñal de Teis, da que foi presidente, e da Unión de Xubilados e Xubiladas e Pensionistas da UXT de Vigo. “Foi un home entregado e referente que adicou máis de 23 anos de vida ao movemento veciñal de xeito desinteresado”, asegurou o edil do BNG, que destacou ademais o seu papel “comprometido” no ámbito sindical. Lembrou nese sentido a homenaxe celebrada o pasado 28 de xaneiro “no que quedou demostrado o cariño e recoñecemento que existe na cidade sobre a súa figura”.

O BNG propón designar como Vigueses/as Distinguidas ao colectivo ‘Os Ninguéns’, Carlota Pérez e Antonio Collazo