O BNG de Vigo urxe mobilizar 50 millóns extra para máis política social, emprego, vivenda e servizos públicos
A fronte nacionalista pide incorporar remanentes no orzamento deste ano diante do risco que estes recursos non se poidan empregar a partir de 2024 pola regra de gasto
Xabier P. Igrexas: “O goberno de Abel Caballero ten que deixar de facer caixa a golpe de promesas incumpridas, con máis de 152 millóns de euros sen gastar en 2022”
O Bloque Nacionalista Galego urxe mobilizar como mínimo 50 millóns extra nunha modificación do orzamento municipal para destinar máis recursos a política social, emprego, vivenda, servizos públicos, cultura e deporte. A fronte nacionalista pide incorporar remanentes no presuposto diante do risco que estes fondos non se poidan empregar a partir de 2024.
“O Goberno municipal de Abel Caballero deixou o pasado ano sen gastar 152 millóns de euros do seu orzamento, un novo récord olímpico de inexecución”, sinalou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reclamou ao alcalde, Abel Caballero, que “deixe de facer caixa a golpe de promesas incumpridas”, con máis de 436 millóns de euros sen executar no actual mandato.
Igrexas chamou así a incorporar parte destes remanentes de tesourería para evitar que a fin da suspensión da regra gasto impida o seu uso o vindeiro exercicio. “Dado que o Goberno español non derrogou a chamada lei Montoro poderíamos volver a un escenario onde o Concello de Vigo non poida dispoñer deses fondos”, advertiu.
O edil nacionalista asegurou nese sentido que as viguesas e vigueses “necesitan que se poñan en marcha todos os recursos para atender as necesidades reais da cidade”, polo que demandou incorporar con urxencia máis medios para política social, emprego, vivenda, servizos públicos, cultura e deporte.
En materia social, o candidato do BNG pediu reverter o “tesoirazo” dun 22% nas partidas para axudas sociais aplicado polo Goberno municipal no orzamento deste ano, malia o contexto de agravamento da crise e incremento da pobreza na cidade
Do mesmo xeito, subliñou a necesidade de políticas para facilitar o acceso á vivenda, após unha nova suba do 9% nos prezos dos alugueiros que, acumulados os últimos cinco anos, supoñen un aumento do 50%.
Desde a fronte nacionalista reclamaron tamén máis recursos para políticas de emprego, tachando de “inxustificábel” que se destine a metade ao Plan municipal de Emprego do que “pretende gastar” o goberno de Abel Caballero en subvencionar aeroliñas privadas para que se instalen en Peinador. Neses 50 millóns extra, o concelleiro do Bloque defendeu ademais que se destinen a “máis e mellores servizos públicos”, entre eles despregar unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios, así como novas dotacións deportivas e culturais.
“O BNG instamos a Abel Caballero a que poña en marcha eses remanentes para corrixir, polo menos, uns orzamentos que impuxo coa súa maioría absoluta e que non atenden as necesidades que ten a nosa cidade”, remachou.