O BNG urxe unha ofensiva do Concello para frear os proxectos de eólica mariña ás portas da ría de Vigo
A fronte nacionalista solicita a convocatoria extraordinaria do Consello Social da Cidade para dar unha resposta unitaria en contra dos parques Volanteiro e Celta II
Xabier P. Igrexas: “Esiximos ao goberno de Abel Caballero que non se pregue aos ditados de Moncloa e Ferraz e rexeite esta agresión ambiental a 50 quilómetros das Illas Cíes que só beneficia ás grandes eléctricas”
O Bloque Nacionalista Galego urxe unha ofensiva do Concello de Vigo para frear os proxectos de eólica mariña, Volanteiro e Celta II, ás portas da ría. A fronte nacionalista demanda ao goberno de Abel Caballero que exerza todas as accións institucionais, administrativas e mesmo xudiciais para evitar a instalación deste grande polígono a 50 quilómetros das Illas Cíes, despois de que este este martes fora aprobada a súa inclusión nos planos de ordenación do espazo marítimo (POEM).
“Esta decisión do Goberno español supón dar carta branca a trasladar ao noso litoral o boom eólico que xa está a depredar o noso territorio”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu do “grave risco para a conservación do ecosistema mariño” e “a ameaza para unha actividade estratéxica como a pesca” que representan estes proxectos impulsados por Capital Energy e Ferrovial.
O candidato nacionalista denunciou o intento de “disfrazar de verde este espolio depredador e colonial sobre os nosos recursos, lembrando que hoxe Galiza xera máis enerxía renovábel da que consume e exporta o 30% da súa electricidade. “PSOE e Unidas Podemos pretenden axudar a que se impoñan os intereses do oligopolio eléctrico sobre a preservación do noso medio natural e os lexítimos intereses do pobo galego”.
Esixiu ao goberno de Abel Caballero que “non se pregue aos ditados de Moncloa e Ferraz” e poña todos os medios municipais para alegar contra esta “barbaridade sen precedentes” autorizada polo Goberno español
“O Concello de Vigo non pode colaborar con pasividade e permitir que se chanten 34 xigantescos muíños eólicos ás portas da ría de Vigo xunto con 25 quilómetros de cableado aéreo sobre terra”, defendeu o edil do Bloque, que solicitou a convocatoria urxente e extraordinaria do Consello Social da Cidade para dar unha resposta unitaria contra estes proxectos.
Igrexas afeou que o o grupo municipal socialista tombara no último Pleno, baixo o pretexto de que había que esperar, unha moción do BNG para rexeitar este polígono de eólica mariña. “Pois agora cos POEM aprobados, Vigo ten que dar un rotundo non a estes proxectos que pretenden converter a nosa costa na leira particular das grandes eléctricas do IBEX”, remachou.