Xabier P. Igrexas: “Tendemos a man, de corazón, a todas as viguesas e vigueses que sabedes e sentides que Vigo merece máis”

Acto público 2 marzo
Presentación pública do primeiro tramo da candidatura do BNG de Vigo

A portavoz nacional do BNG participou na presentación do primeiro tramo da candidatura do Bloque de Vigo, encabezada por Xabier P. Igrexas

Ana Pontón: “Vigo necesita máis BNG no Concello porque sempre que foi determinante, a cidade avanzou”

Xabier P. Igrexas: “Tendemos a man, de corazón, a todas as viguesas e vigueses que sabedes e sentides que Vigo merece máis”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación do primeiro tramo da candidatura do BNG para alcaldía de Vigo, encabezada por Xabier P. Igrexas.  “Vigo é a primeira cidade de Galiza”, indicou Pontón, “e merece máis que unha confrontación inútil e partidista que só fai que a cidade perda oportunidades, que empeora a vida das viguesas e dos vigueses e que desaproveita o inmenso potencial que ten esta urbe”.

Fronte a isto, a líder do BNG declarou que “o próximo 28 de maio, os veciños e as veciñas de Vigo teñen a oportunidade de apostar polo proxecto de futuro que ofrece o BNG da man de Xabier Pérez Igrexas e o seu equipo porque, -recalcou-, sempre que o BNG foi determinante no Concello, a cidade avanzou”. Pontón puxo de manifesto que “o BNG foi a única alternativa política nos últimos catro anos, cun traballo no que combinou a crítica con propostas, alternativas e solucións”.

 “Vigo precisa máis que nunca o proxecto do BNG, centrado en construír unha cidade para as persoas, con mellores servizos públicos, máis sustentable, con máis oportunidades e máis xustiza social”

Pontón tamén destacou a necesidade de fortalecer o tecido económico e industrial da cidade para xerar riqueza e emprego “porque non se pode permitir que unha cidade que sempre foi o motor industrial de Galiza hoxe teña menos emprego industrial que fai catorce anos”, indicou.

A líder do Bloque recalcou a necesidade de que Vigo volva ser referente nacional en sectores produtivos estratéxicos, recuperando as posicións perdidas no sector naval, no sector da automoción, no sector pesqueiro, sendo o que sempre foi: “o motor económico e industrial do País”.

Por iso, a alternativa que ofrece o BNG pasa por que Vigo sexa unha cidade que poña ás persoas no centro, con servizos de calidade, cunha sanidade pública forte, con infraestruturas e equipamentos, pioneira no educativo, no coidado das persoas maiores, en ciencia e innovación e que teña as conexións que lle permitan unha mobilidade do século XXI, como o Corredor Atlántico ou a conexión con AVE a Porto. 

O futuro Vigo unido ao futuro de Galiza

A líder do Bloque puxo de manifesto que “outro Vigo e outra Galiza con posibles, en grande, con ambición, desde a confianza nas nosas propias forzas, unha Galiza que queremos construír concello a concello”. 

“Estou segura de que o 28M imos ser a forza política que máis suba, multiplicando a nosa representación no País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros, afianzado así o cambio galego, avanzando no reto de darlle a Galiza, por primeira vez na súa historia, un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses de Galiza” concluíu.

Sacudir a inercia para avanzar

Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Vigo polo BNG, Xabier P. Igrexas concordou con Pontón con respecto a que “o vindeiro 28 de maio temos a oportunidade de sacudirnos esta inercia paralizante e avanzar cara a unha cidade máis habitábel e máis verde, igualitaria e socialmente xusta. Un Vigo que volva ser pulmón industrial de Galiza, vangarda da creación cultural, e que asuma o seu papel como motor de todo un País”.

Igrexas explicou que “no BNG temos as ideas e as propostas, un proxecto sólido e solvente para volver poñer en marcha a cidade”

Presentando unha candidatura potente e ambiciosa “cunha equipa plural, con perfís diversos, paritaria e renovada, con mulleres e homes, vigueses e viguesas comprometidas. Xente honesta, traballadora, que ama esta cidade e que ama este País”.

O candidato á alcaldía da cidade finalizou a súa intervención declarando que “tendemos a man, de corazón, a todas as viguesas e os vigueses que sabedes e que sentides que Vigo merece máis, para que vos sumedes ao proxecto aberto do BNG para resetearmos en positivo a cidade, para facermos realidade o Vigo que soñamos”.

Acompañan ao candidato á Alcaldía no primeiro tramo da candidatura Ana Martínez, Filipe Abalde (que interviron no acto) Elsa Quintas, Brais Ruanova, Carmela González, Manuel Caride, Olaia Chaves, Vitor Vaqueiro e María Pilar Rodríguez.

Ana Martínez: “Quedan só uns días para o 8 de marzo, no que estou segura de que moitos miles de viguesas volveremos demostrar que o feminismo está moi vivo na nosa cidade. Unha convicción que o BNG queremos levar máis alá das pancartas e dos lazos. Impulsando políticas radicalmente feministas. Facendo do combate de todas as violencias machistas unha verdadeira prioridade municipal”

Filipe Abalde: “Fronte a tanto burato negro neste decorado teatral ao que algúns queren reducir Vigo, fronte ao abandono dos barrios e parroquias, fronte a falla de política xuvenil e deportiva, non cabe a resignación. Hai alternativa! E esa alternativa vén da man do BNG”

Xabier P. Igrexas: “Tendemos a man, de corazón, a todas as viguesas e vigueses que sabedes e sentides que Vigo merece máis”