O BNG alerta de novos recortes no Vigosónico, que volve pechar sen data de reapertura
A fronte nacionalista reclama modificar os pregos para a licitación da xestión deste espazo xuvenil por insistir na “precariedade” con menos horarios, servizos e persoal
Xabier P. Igrexas: “Esiximos a Abel Caballero que deixe de castigar á mocidade e aos grupos musicais da cidade, que merecen máis Vigosónico e non menos"
O Bloque Nacionalista Galego alerta de novos recortes no Vigosónico, que vén de pechar este martes outra vez as súas portas. A fronte nacionalista reclama ao goberno de Abel Caballero que aclare a data para a reapertura, condicionada ao proceso de licitación en curso para a xestión deste espazo xuvenil que, segundo os pregos da concesión, afondará na “precariedade” ofrecendo menos horarios, servizos e persoal aos grupos musicais da cidade.
“A nefasta xestión do Goberno municipal provoca que, cando se van cumprir tres anos da súa clausura pola pandemia, Vigosónico volva quedar pechado, despois dunha reapertura ultraprecaria desde hai un ano cun recorte do 90% do seu financiamento”, reprochou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reclamou garantías da continuidade deste espazo así como a modificación con carácter urxente das condicións do contrato para a súa nova reapertura, que pode demorarse “semanas ou meses”.
O candidato nacionalista advertiu de que estes recortes veñen a sumarse aos xa realizados polo Goberno local
Así, os horarios pasarán das “xa escasas” 36 horas semanais a 30, reducindo o número de quendas e de grupos que van poder facer uso dos locais de ensaio. Os pregos da concesión recollen ademais un adianto no peche das instalacións ás 21:30 horas, pese á maior demanda na última franxa do día por motivos de conciliación laboral ou de estudos. E tamén un recorte de persoal do 25%, asignando funcións máis propias de conserxaría que enfocadas á dinamización e apoio das bandas locais.
“Esiximos a Abel Caballero que deixe de castigar á mocidade e aos grupos musicais da cidade, que merecen máis Vigosónico e non menos", afirmou Igrexas, que lembrou as numerosas e reiteradas iniciativas do BNG durante o mandato para reforzar este espazo xuvenil, a última instalación municipal en reabrir despois das restricións da pandemia.