O BNG oponse a aumentar os canons que reciben as multinacionais propietarias do Hospital Álvaro Cunqueiro e pide o seu rescate
Montse Prado: “Os cartos públicos que teñen que ir destinados á sanidade pública non poden continuar indo a parar aos petos das grandes empresas multinacionais”
A fronte nacionalista rexistra no Parlamento galego iniciativas reclamando que se realice unha auditoría da xestión realizada pola concesionaria privada e volve demandar o rescate do HAC para convertelo nun hospital cento por cento público
Xabier P. Igrexas interpela á Delegada da Xunta: “Canto tempo máis vai seguir castigando o PP ás viguesas e vigueses? Canto tempo máis as políticas de recortes e privatizacións van seguir xogando coa saúde das persoas? Canto tempo máis imos ter que soportar o calote deste hospital privatizado?”
O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu rexeitamento a un posíbel incremento dos canons concesionais que percibe a UTE propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo. A fronte nacionalista reclama, por contra, que se realice unha auditoría da xestión realizada pola concesionaria privada e reitera o chamado a rescatar o HAC para o converter nun hospital cento por cento público.
Así o manifestou esta mañá a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, advertindo que “unha das maiores preocupacións das galegas e galegos é o desmantelamento da sanidade pública” resultado das políticas de recorte e privatización aplicadas pola Xunta do Partido Popular que insisten en poñer os “beneficios económicos de empresas privadas por riba da saúde das persoas”.
Prado lembrou que os canons económicos que percibe a sociedade concesionaria, en concepto do pago pola construción do hospital e pola xestión dos servizos non sanitarios, nin deixou de aumentar nos últimos anos, pasando de 56,33 millóns no inicio aos 65,39 millóns de euros consignados nos orzamentos da Xunta para o presente exercicio 2022.
Neste sentido, a deputada rexeitou a pretensión da concesionaria de solicitar un novo incremento en función do IPC, o que suporía un aumento de preto de 10 millóns de euros. “É claro que este modelo é un pésimo negocio para o público e moi bo para as grandes empresas multinacionais”.
Prado criticou a negativa reiterada do PP a rescatar o HAC de mans privadas, malia ter múltiples oportunidades. A última coa venda de accións a unha multinacional francesa. “Hoxe os donos do hospital Álvaro Cunqueiro son multinacionais con sede en Francia, China, Luxemburgo ou Irlanda, que só buscan o seu lucro privado a costa da saúde como demostra o recente reparto de 7 millóns de euros en dividendos”, lamentou.
Iniciativas no Parlamento
Diante desta situación o BNG vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego sob o criterio de que “os cartos públicos que teñen que ir destinados á sanidade pública non poden continuar a parar aos petos das empresas multinacionais”.
Nas mesmas instan expresamente a “non proceder a ningún aumento dos canons que vaian destinados a mellorar a conta de resultados da concesionaria, senón, que de producirse, ten que haber garantía de que que signifiquen mellora das condicións laborais do persoal e da calidade do servizo”.
As nacionalistas reclaman tamén que se realicen todas as actuacións precisas para rescatar o Hospital Álvaro Cunqueiro das mans das multinacionais para que se converta no hospital público que sempre debeu ser e que a área sanitaria de Vigo precisa. Aliás, demandan a práctica dunha auditoría da xestión realizada pola Sociedade Concesionaria e dos servizos que xestiona.
Igrexas interpela a Fernández Tapias
Pola súa banda, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que “desde o primeiro momento o Bloque denunciamos que a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro era un castigo á área sanitaria de Vigo, e un verdadeiro calote, unha estafa colosal, que multiplicaba por cinco o custo de construción e que ía supoñer unha factura millonaria cada ano”.
“O único público que hai no HAC, para alén do letreiro propagandístico, é o diñeiro, as decenas de millóns de euros de diñeiro público que a Xunta do Partido Popular inxecta nas empresas da sociedade concesionaria”, denunciou Igrexas, advertindo de que un novo incremento dos canons podería elevar até preto dos 75 millóns de euros o desembolso anual que ten que facer o Sergas para poder facer uso das instalacións do hospital.
O portavoz municipal nacionalista interpelou directamente á Delegada Territorial da Xunta en Vigo, e presidenta local do Partido Popular, Marta Fernández Tapias. “Canto tempo máis vai seguir castigando o PP ás viguesas e vigueses? Canto tempo máis as políticas de recortes e privatizacións van seguir xogando coa saúde das persoas? Canto tempo máis imos ter que soportar o calote deste hospital privatizado?”, inquiriu.