O BNG pide ampliar a “raquítica” programación de VigoCultura

Xabier P. Igrexas
Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista demanda un xiro de 180 graos que permita reverter a política de “desertización cultural” e potenciar a forza creativa da cidade.

Xabier P. Igrexas: “Abondaría con que o goberno de Abel Caballero destinase unha pequena porcentaxe do esforzo que dedica ao seu nadal de récord para que o programa VigoCultura volvese ser unha referencia na programación cultural”.

O BNG pide ampliar a “raquítica” programación de VigoCultura

O Bloque Nacionalista Galego pide ampliar a “raquítica” programación de VigoCultura para o primeiro cuadrimestre de 2022. A fronte nacionalista considera que a proposta de actividades presentada este luns polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura, Abel Losada, non está á altura dun fervedoiro creativo e referente cultural de Galiza como a cidade de Vigo.

“Fronte a esta política do espectáculo que pretende escintilar, o BNG queremos que brille o talento que latexa na nosa cidade, cun forte compromiso ademais co acervo cultural galego, dende o tradicional até a vangarda contemporánea”, apostou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que pediu un xiro de 180 graos na política cultural que potencie a forza creativa de Vigo e democratice o acceso á cultura ao conxunto das clases populares e traballadoras como mellor maneira de humanizar de verdade a cidade.

Igrexas subliñou que a insuficiencia da programación de VigoCultura para os primeiros meses do ano, que apenas prevé 24 eventos, unha media de seis actividades por mes, é un novo exemplo da política de “desertización cultural” levada a cabo polo goberno de Abel Caballero.  Nese sentido, lamentou a desaparición doutros programas culturais como Vigo a Escena, que levaba as artes escénicas ao conxunto dos barrios e das parroquias, ou o programa Move Vigo, en colaboración co movemento veciñal.

“Abondaría con que o goberno de Abel Caballero destinase unha pequena porcentaxe do esforzo, da enerxía, dos medios que dedica ao seu nadal de récord, para que o programa VigoCultura volvese ser unha referencia na programación cultural”, destacou o concelleiro nacionalista. Así, Igrexas demandou ampliar de forma “substancial” a oferta do programa, tanto no número de espectáculos como nas representacións, en particular, recuperando a programación matinal pensada para achegar as artes escénicas ao público escolar.

“Temos que facer da cultura a pedra basilar, a clave de bóveda dunha cidade que se ten que concibir como comunidade e non apenas como un espazo”, sentenciou o edil do BNG de Vigo.  

O BNG pide ampliar a “raquítica” programación de VigoCultura