O BNG de Vigo reclama ao alcalde que reciba a veciñanza afectada polo proxecto do novo vial en Beade e Bembrive
A fronte nacionalista acusa ao Goberno municipal de falla de vontade por negarse a escoitar as demandas veciñais, que advirten de graves afeccións nas parroquias.
Xabier P. Igrexas: “É un exemplo claro de como non se debe elaborar un novo PXOM: redactado na escuridade dos despachos, sen diálogo, participación, nin transparencia”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar este luns que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reciba a veciñanza afectada polo vial PO-010, unha estrada proxectada no novo Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOM) de Vigo que afectaría ás parroquias de Beade, Bembrive, Castrelos, Sárdoma e Matamá. A fronte nacionalista demanda que se atenda a petición da plataforma de afectados Avibe, que leva semanas solicitando unha xuntanza con representantes do Goberno municipal.
“Falamos dun vial de alta capacidade, cun trazado que suporía tronzar en grande medida unha parte importante destas parroquias e con gravísimas afeccións”, apuntou o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. Entre as queixas veciñais, destaca a posibilidade de que acaben sendo expropiadas vivendas, algunhas delas construídas con recente licenza municipal, e os importantes impactos ambientais sobre a contorna que, en opinión do Bloque, é un espazo natural de importancia que a cidade ten que conservar.
Igrexas acusou ao goberno de Abel Caballero de querer impoñer este vial, que pretende unir a A-55 coa avenida Clara Campoamor, sen xustificar a súa necesidade. O concelleiro nacionalista criticou as contradicións do Goberno municipal, que defende agora que a estrada mellorará as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro, mais na documentación do PXOM apuntaba a potenciar as vías para a factoría de Stellantis no polígono de Balaídos.
“É un exemplo claro de como non se debe elaborar un novo PXOM: redactado na escuridade dos despachos, sen diálogo, participación, nin transparencia”, engadiu o portavoz municipal nacionalista. Para o BNG, a negativa de Abel Caballero é unha evidencia máis de que o novo plan urbanístico quere aprobarse de costas á veciñanza e baixo a premisa de que “a cidade é o seu casco urbano” e as parroquias “simplemente periferia na que poder impoñer”.
Desde o Bloque pediron ao alcalde que “faga un oco na súa apretada axenda” para recibir á plataforma de afectados posto que, segundo o edil nacionalista, non se trata dun problema de tempo, senón de falla de vontade, como demostra que nas previsións oficiais do rexedor de Vigo para hoxe figurase un encontro cunha comisión de festas. “Vigo merece un PXOM de toda a cidade e para toda a cidade. Para iso é fundamental que o goberno de Abel Caballero comece a facer algo que inda non aprenderon a facer: escoitar a quen pensa diferente”, remachou Igrexas.