O BNG pide que o Concello de Vigo anticipe o 100% das axudas de comedor escolar até que se resolvan
A fronte nacionalista demanda garantir o comedor escolar para todas as crianzas que o precisen diante do atraso sen precedentes na convocatoria deste ano, a menos dun mes do inicio do curso, e das demoras até decembro rexistradas nos dous últimos cursos
Xabier P. Igrexas: “Non hai argumento nin escusa para que o concello da maior cidade de Galiza, cun orzamento de case 400 millóns de euros, teña na incerteza a millares de familias sobre algo tan básico como as axudas de comedor”
O Bloque Nacionalista Galego pide que o Concello de Vigo anticipe o 100% das axudas de comedor até que se resolva a súa tramitación. A fronte nacionalista propón esta medida para garantir o comedor escolar a todas as crianzas que o precisen diante do atraso sen precedentes na convocatoria deste ano, que vén de abrir este mércores, e das demoras na resolución até mediados de decembro rexistradas nos dous últimos cursos.
“As crianzas das case 4 mil familias que solicitan cada ano estas axudas de comedor non poden ser penalizadas pola burocracia e a incapacidade na xestión do Goberno municipal de Abel Caballero”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandando que se anticipen estas becas para todas as persoas solicitantes, pero sen necesidade de reintegro para aquelas que sexan finalmente excluídas.
Igrexas reprochou que a convocatoria destas axudas se abra a menos dun mes do inicio do curso escolar cando as propias bases dan un prazo de seis meses ao Concello para resolvelas. “Non hai argumento nin escusa para que o concello da maior cidade de Galiza, cun orzamento de case 400 millóns de euros, teña na incerteza a millares de familias sobre algo tan básico como son as axudas de comedor”, lamentou.
Garantir o 100% das crianzas con comedor
Por estes motivos, dende o BNG chaman a garantir que o 100% das crianzas que precisen do comedor escolar conten con axuda, evitando así situacións como a de cursos pasados onde un número importante de familias non as enviaba por non poder anticipar os importes sen saber se contarían coa axuda municipal. Unha situación que obrigou a moitas ANPAs da cidade a asumir débedas de familias que quedaron sen beca.
Nesa liña, o portavoz municipal nacionalista reclamou poñer punto e final ao “desastre” na tramitación destas axudas, instando a que se anticipe a aprobación das bases e a convocatoria para o vindeiro curso 2025-2026, facendo coincidir os prazos co período de matriculación escolar para que estean resoltas antes do inicio do curso.