COMUNICADO
O Goberno municipal minte cando afirma ter facilitado acceso á información e expedientes sobre o accidente do Saltamontes en Matamá
Diante do comunicado que vén de ser remitido desde o Gabinete de Alcaldía, no que se afirma que “O goberno municipal aclara que os grupos da oposición tiveron acceso onte, 13 de agosto, á totalidade da información da que dispón o Concello en relación ás festas de Matamá e á atracción do Saltamontes”, o Grupo Municipal do BNG queremos denunciar que esa afirmación é rotundamente falsa.
O BNG, que na mañá de onte rexistramos escrito de reiteración da solicitude de acceso perante o incumprimento do prazo regulamentario por parte do Goberno municipal (que venceu o DOMINGO 11 de agosto) a día de hoxe, mércores 14 de agosto, ás 15:11h, inda non recibimos ningunha comunicación, resolución ou habilitación de acceso a ningunha información, documentación ou expedientes dos solicitados.
Non consta ningunha resposta aos nosos escritos de solicitude, nin nos correos electrónicos corporativos, nin tampouco no buzón do aplicativo electrónico de Xestión de Expedientes Municipais, que son os medios habilitados.
Tampouco se ten recibido ningunha comunicación, nin verbal, nin escrita, nin formal nin informal, desde á área de Seguridade nin desde ningún servizo municipal ou responsábel do Goberno municipal en relación a esta cuestión.
Esta situación e o feito de seguir sen ter podido acceder á información solicitada ten sido trasladada esta mañá á Secretaría Xeral do Pleno.
Por todo o anterior, desde o Grupo Municipal do BNG esiximos ao Goberno municipal que deixe de faltar á verdade e dea cumprimento ao previsto no Regulamento Orgánico do Pleno facilitando toda a información, documentación e expedientes solicitados por este grupo en relación ao tráxico accidente decorrido o pasado 3 de agosto.
Vigo, Galiza, a 14 de agosto de 2024
Xabier P. Igrexas
Portavoz municipal do BNG