O BNG de Vigo denuncia que o Goberno local impide o acceso aos informes do accidente do ‘Saltamontes’
A fronte nacionalista acusa o Goberno de Abel Caballero de actuar de maneira “ilegal” ante a solicitude de información sobre o tráxico suceso nas festas de Matamá, malia a obriga de facilitar o acceso nun prazo máximo de 5 días
Xabier P. Igrexas: “Que se quere esconder? As viguesas e os vigueses, a principiar pola veciñanza de Matamá, merecen respostas e non apenas evasivas para escorrer o vulto”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia “opacidade” de Abel Caballero cos informes relativos ao accidente na atracción Saltamontes o pasado 3 de agosto nas festas de Matamá. A fronte nacionalista acusa o Goberno local de impedir de forma “abertamente ilegal” o acceso á documentación e á información sobre o tráxico suceso nas festas de Matamá malia a obriga legal de facilitalo nun prazo máximo de 5 días, segundo o Regulamento Orgánico do Pleno.
“Esta opacidade o único que engade son máis dúbidas e incertezas sobre o fatídico accidente”, afeou a este respecto o portavoz municipal do BNG de Vigo, lamentando do mesmo xeito a negativa da concelleira responsábel, Patricia Rodríguez, e do xefe de servizo da área, Antonio Vivero, a comparecer para dar explicacións diante da comisión informativa de Seguridade como solicitou formalmente o propio Bloque.
Igrexas advertiu que o BNG non vai “tolerar” que se vulneren os dereitos fundamentais das concelleiras e concelleiros, polo que a fronte nacionalista vén de realizar un novo requirimento para esixir que se facilite esta documentación de forma inmediata. “Estamos preparados para exercer todas as accións institucionais, administrativas ou mesmo xudiciais que sexan necesarias”, advertiu.
“Que é o que se quere esconder? Que é o que non se quere ou non se pode explicar?”, interpelou o portavoz municipal nacionalista, quen urxiu a aclarar de verdade o sucedido neste accidente mortal e se puido evitarse. Por estes motivos, demandou acceso a todas as autorizacións ou permisos administrativos que permitiron a instalación da atracción accidentada e toda a documentación acreditativa da mesma.
Preguntas sen resposta
Na mesma liña, Igrexas pediu coñecer o resultado das avaliacións e/ou inspeccións municipais que se tiveran practicado sobre a referida atracción; os informes da Policía Local e do servizo de Bombeiros; a copia do preceptivo plan de autoprotección do evento e a avaliación sobre a súa execución neste suceso; coñecer as actuacións que se realizaron polos servizos municipais desde o momento no que se coñece o accidente e aquelas que teñen previsto emprender a consecuencia del; así como información detallada sobre o procedemento municipal para a supervisión das atraccións mecánicas que se instalan habitualmente nas festas e outros eventos da cidade.
“As viguesas e os vigueses, a principiar pola veciñanza de Matamá, merecen respostas diante dun suceso tan grave e non apenas evasivas por parte dun Goberno municipal que o único que fixo até o momento foi tentar escorrer o vulto”, remachou.