O BNG pide explicacións polo feche cun valado de obra do dolmen da Casa dos Mouros en Candeán

dolmen01

Demandan tamén que se reforce a protección e a divulgación do patrimonio histórico da cidade.

 

O BNG pide explicacións polo feche cun valado de obra do dolmen da Casa dos Mouros en Candeán

O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar explicacións ao Goberno municipal de Vigo a respeito do feche perimetral do dolmen da Casa dos Mouros, en Candeán, instalado con valados de obra desde hai varias semanas. A fronte nacionalista insta a reforzar a protección e a divulgación do patrimonio histórico da cidade.

Na última xuntanza da Comisión Informativa de Patrimonio do Concello de Vigo, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, interpelou o Goberno local despois de que o dolmen da Casa dos Mouros leve varias semanas perimetrado cun valado de obra e cun aviso de risco de derrube. A pregunta do nacionalista non recibiu polo momento resposta ningunha por parte do executivo de Abel Caballero.

“O dolmen de Casa dos Mouros é un dos de maior envergadura e en mellor estado de conservación da cidade. Ten un inmenso valor patrimonial e por iso queremos que o Goberno municipal aclare os motivos deste valado e se se trata dunha actuación puntual ou non”, explicou.

Igrexas defende ademais a necesidade dun maior esforzo municipal para poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio histórico da cidade. “A pesar da importancia deste dolmen, que foi recuperado nos anos 90 polo propio Concello, un grande porcentaxe da cidadanía de Vigo non o coñece”, exemplificou.

Neste sentido, instou a impulsar campañas e accións de divulgación por parte do Concello para poñer en valor “verdadeiros monumentos que son testemuña da historia remota da cidade e das persoas que a habitaron moito antes ca nós”. Piden tamén un mellor acondicionamento e sinalización destes xacementos e da súa contorna. 

O BNG pide explicacións polo feche cun valado de obra do dolmen da Casa dos Mouros en Candeán