O BNG rexeita en Vigo a reforma da Lei de Saúde por reducirse a máis multas e non a máis recursos para a sanidade pública
A fronte nacionalista acusa o PP de promover unha “contrareforma sanitaria” baseada en “vixiar punir e restrinxir dereitos, cunha especie de estado de alarma permanente”.
Demandan que se revertan as políticas de recortes e privatizacións aplicadas pola Xunta nos últimos anos lembrando que “as multas non curan, pero máis persoal sanitario e máis medios na sanidade pública, si”.
O Bloque Nacionalista Galego expresou hoxe en Vigo o seu rexeitamento á proposta de reforma da Lei de Saúde que promove o Partido Popular. A fronte nacionalista denuncia que esta modificación redúcese a medidas de “orde pública”, co alargamento do réxime sancionador, en troca de recoller o aumento dos medios materiais e humanos para reforzar a rede sanitaria pública.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, alertou de que a semana próxima debaterase na cámara unha “contrarreforma da Lei de Saúde”. A este respeito apuntou que a proposta do Partido Popular evidencia que hai dúas formas, diametralmente opostas, de entender como debemos saír da actual pandemia. “No BNG cremos que pasa por aumentar os recursos e mellorar a xestión da sanidade pública, mentres que o PP o único que pretende é vixiar, punir e restrinxir dereitos, cunha especie de estado de alarma permanente”, explicou.
Fernández, lembra que os problemas sanitarios en Galiza non se limitan aos derivados da Covid, como pode ser o agravamento da falla de diagnóstico doutras doenzas, como é o caso do cancro, o aumento das listas de agarda ou a falla de atención a doenzas mentais. “Estamos a enfrontar problemas sanitarios e o PP pretende tratalo como un problema de orde pública”, apunta, un afán co que, na súa opinión, o executivo de Feixóo pretende fuxir das súas responsabilidades derivadas dos recortes que fan colapsar a sanidade pública galega. Desde o Bloque critican ademais que o Partido Popular pretenda abordar esta modificación legal “pola porta de atrás, cunha vía de urxencia que quere limitar o debate social”.
O rexeitamento das nacionalistas a esta reforma legal substanciouse tamén nunha batería de emendas nas que demandan o reforzamento o sistema sanitario público, dotándoo de máis profesionais e de máis medios, a recuperación das áreas sanitarias comarcais e mellorar o servizo de rastrexo fronte á Covid19.
Adicionalmente reclaman que se aposte por unha investigación sanitaria forte. “As multas non curan, o que cura é ter máis persoal sanitario. Esa é a nosa alternativa”, resume Fernández.
Reverter os recortes e privatizacións na área de Vigo
En palabras do portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, a modificación lexislativa promovida polo PP é “absolutamente delirante”. “O que propón o PP fronte aos reptos sanitarios derivados da pandemia e diante da situación límite en moitos ámbitos da rede sanitaria pública é apostar por multas, sancións e por represión, insistindo nese relato de que os problemas de saúde pública son apenas consecuencia da irresponsabilidade individual”, argumentou.
Igrexas contrapón á tese dos populares que “na area sanitaria de Vigo sabemos moi ben que o que hai que facer para fortalecer os dereito das viguesas e dos vigueses, das galegas e dos galegos, á saúde é reverter as políticas de recortes, privatización e desmantelamento da sanidade pública que a Xunta do PP leva promovido nos últimos anos.” Unha mudanza na política sanitaria que o edil nacionalista concreta na reversión do modelo privatizador imposto para o hospital Álvaro Cunqueiro, na incorporación de Povisa na rede Sergas e no reforzo da atención primaria e dos servizos de emerxencia que atravesan, segundo apuntou, unha situación límite na área sanitaria viguesa.
“A saúde protéxese con máis persoal sanitario e mellores recursos, non con multas nin con sancións, senón asegurando o dereito a unha sanidade cento por cento pública, universal e de calidade”, remachou.