O BNG pide poñer fin ao “vodevil” entre Xunta e Concello que deixa Vigo sen o concerto de Muse

O concelleiro e candidato do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa
A fronte nacionalista acusa á delegada da Xunta e ao alcalde de utilizaren de forma “obscena” as institucións para as súas batallas partidistas e contra os intereses da cidade.
 

Traslada unha carta a ambos responsábeis políticos para que rectifiquen e abran canles de cooperación para evitar que Vigo volva quedar fóra da programación de concertos e grandes eventos da Xunta.
 

Xabier P. Igrexas: “Os feitos deixan en evidencia que tanto Abel Caballero como Marta Fernández-Tapias parecen ter conseguido o que querían: deixar Vigo sen un concerto de primeiro nivel”.

O BNG pide poñer fin ao “vodevil” entre Xunta e Concello que deixa Vigo sen o concerto de Muse

O Bloque Nacionalista Galego esixe o cese do "vodedil e do conflito permanente" entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo diante da polémica creada polo concerto de Muse. A fronte nacionalista acusa á delegada do Goberno galego, Marta Fernández-Tapias, e ao alcalde, Abel Caballero, de utilizar outra vez as institucións para as súas batallas partidistas nas que, unicamente, saen prexudicados os intereses da cidade.

“Asistimos á enésima polémica entre o PSOE e o PP que instrumentalizan de maneira obscena o Concello de Vigo e a Xunta”, denunciou en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Mais os feitos deixan en evidencia que tanto Abel Caballero como Marta Fernández-Tapias parecen ter conseguido o que querían: deixar Vigo sen un concerto de primeiro nivel”, recriminou.

Igrexas trasladou unha carta a ambos responsábeis políticos para instalos a rectificar e abrir unha inmediata cooperación institucional entre Concello e Xunta para evitar que a maior cidade de Galiza volva ficar fóra da programación de grandes eventos da Xunta. “Non podemos seguir a pagar o prezo destas polémicas estériles que unicamente acaban por nos prexudicar á veciñanza de Vigo”.

Sen disposición de Abel Caballero

O edil nacionalista culpou ao alcalde de Vigo de non ter a máis mínima disposición para facilitar a celebración do concerto, facilitando coa súa actitude unha “escusa” para que o Goberno galego continúe a súa política de total abandono con Vigo. “O BNG temos manifestado de forma reiterada que as negativas do alcalde a que a Xunta organice eventos ou concertos na cidade son un delirio, e cremos que ese non é o camiño”, salientou.

Insulto á intelixencia de Marta Fernández-Tapias

No caso do Goberno galego, Igrexas cualificou de “insulto á intelixencia” a explicación ofrecida por Marta Fernández-Tapias, tras quedar acreditado que non se realizou ningunha xestión para solicitar unha ubicación de grande aforo, e tampoucou existiu ningún acordo para realizar o concerto de Muse, alén dunha simple manifestación de interese. Sobre o escrito remitido polo RC Celta de Vigo, pedindo o uso do estadio de Balaídos para actos do seu centenario, Igrexas considerou que se trata dunha “coartada fabricada para encubrir a estratexia” da delegada do Goberno galego. “Ningunha viguesa ou vigués pode entender como é posíbel que a Xunta diga que non pode facer un concerto nun sitio, cando nin tan sequera solicitou a súa realización”, remarcou.

Infantilismo político
 

Desde o BNG tacharon de “infantilismo político” a actuación de ambos cargos públicos e reiteraron a urxencia de abandonar a lea permanente en prol dos intereses da cidade. “O BNG esiximos que cesen nesta actitude e comecen a facer desde xa as xestións necesarias para que Vigo conte con eventos de primeiro nivel como os que se organizan noutras cidades”, demandou o concelleiro do Bloque.
O BNG pide poñer fin ao “vodevil” entre Xunta e Concello que deixa Vigo sen o concerto de Muse