O BNG demanda actuar diante do aumento de pisos turísticos en Vigo, que superan as vivendas libres en alugueiro

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista interpelará ao Goberno municipal na Xerencia de Urbanismo para que adopte medidas que freen este “fenómeno especulativo” que encarece as vivendas.

Xabier P. Igrexas: “Non podemos ficar impasíbeis diante desta situación que expulsa a millares de familias da nosa cidade porque non se poden permitir o luxo de vivir en Vigo”.

O BNG demanda actuar diante do aumento de pisos turísticos en Vigo, que superan as vivendas libres en alugueiro

O Bloque Nacionalista Galego demanda actuar diante do aumento de pisos turísticos en Vigo, que superan xa o número de vivendas dispoñíbeis en alugueiro na cidade. A fronte nacionalista vén de anunciar que trasladará este asunto no próximo Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, programado para este martes, para instar ao goberno de Abel Caballero a adoptar medidas que poñan freo a este “fenómeno especulativo” que agudiza o xa “gravísimo” problema de acceso social á vivenda.

“Imos demandar ao Goberno municipal que actúe, que estudemos cales son as medidas concretas que permitan, a través de restricións legais e outras medidas adicionais, garantir un dereito esencial como é poder termos unha vivenda, o dereito de poder habitarmos a nosa propia cidade”, valorou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

A xuízo das nacionalistas, este aumento de pisos turísticos en Vigo é un dos factores que repercuten na continuada tendencia á alza dos prezos da vivenda na cidade, os máis caros de Galiza tanto para aluguer como compravenda.

Só nos últimos cinco anos, os prezos das vivendas en réxime de arrendamento incrementaron en Vigo por volta dun 30% e, segundo cifran as organizacións do sector inmobiliario, este ano continuarán subindo até un 5% máis.

Un aumento “esaxerado” dos prezos que, asegurou Igrexas, está detrás tamén da perda de poboación de Vigo, con 3 mil habitantes menos o ano pasado, como reflicten os datos do Padrón Municipal. “Non podemos seguir ollando para outro lado nin ficar impasíbeis diante dunha situación que está a producir que millares de familias da nosa cidade non se poidan permitir o luxo de vivir en Vigo”, criticou o edil nacionalista.

Como exemplo, Igrexas salientou que hoxe unha vivenda de apenas 80 metros cadrados ten un custo mensual medio de arredor de 700 euros. “Un prezo absolutamente privativo para a maioría social que representan as clases populares e traballadoras, nun contexto ademais de carestía de vida, de empobrecemento salarial e perda de poder adquisitivo”, recriminou.

O BNG demanda actuar diante do aumento de pisos turísticos en Vigo, que superan as vivendas libres en alugueiro