O BNG pide o voto a todas as persoas que non se conforman para facer de Vigo “unha cidade para o pobo”

FOTO MITIN VIGO 1
Mitin peche campaña Vigo

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, chama no acto de feche de campaña a evitar unha nova maioría absoluta “letal” e pide o apoio para o proxecto aberto e en positivo do Bloque para darlle un novo impulso a Vigo.

Pontón asegura que o BNG entrará con forza no Concello para construír un Vigo en positivo, desde o diálogo e lonxe da confrontación

O BNG pide o voto a todas as persoas que non se conforman para facer de Vigo “unha cidade para o pobo”

O BNG pechou hoxe a campaña de cara ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio cunha idea clara: o Bloque vai volver con forza á corporación para ser determinante e darlle un novo impulso a Vigo para construír unha cidade para o pobo, de iguais, e motor de todo un País.

O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, quixo comezar a súa intervención amosando o seu total apoio aos bombeiros de Vigo que levan moito tempo a reclamar unhas condicións dignas e o aumento de persoal pero tamén “enviando o noso alento ás traballadoras e traballadores de PSA que se revolven de maneira heroica en contra da brutal explotación da que son obxecto”, remachou.

Igrexas dixo que  Vigo é moito máis que luces de nadal e Dinoseto, “somos tamén barrios e parroquias e por iso queremos devolverlle o Concello á veciñanza, poñendo todos os seus medios, recursos e capacidades ao servizo de mellorar a súa vida”, engadiu.Mitin de peche Vigo

Para Igrexas estes catro anos deixaron en evidencia a unha maioría absoluta tan letal para a democracia como inútil á hora de resolver os problemas da cidade. Mais tamén puxeron a exame ás forzas da oposición con representación no pleno e que se demostraron rotundamente incapaces de despregar unha alternativa real: “Por iso a primeira tarefa é que en Vigo a política municipal deixe de ser este permanente pimpampum, que os plenos deixen de ser un monográfico para aplaudir ou apupar a Abel Caballero”, enfatizou o candidato.

Certos de que o BNG vai entrar na corporación e o vai facer ademais con forza, Pérez Igrexas matizou que non o farán para mazar en Abel Caballero nin en ninguén senón para “mazar nos problemas da xente cun proxecto aberto, en positivo e de futuro”.“Un proxecto co que fronte a parálise, a inercia e a ausencia de alternativas, queremos darlle a Vigo o novo impulso que necesita”. Neste proxecto aberto Xabier P. Igrexas quere facer de Vigo unha cidade para o pobo, coas persoas no centro da política municipal, pormovendo un novo regulamento de Participación Cidadá para que non escoitar deixe de ser unha opción, onde se respeite a independencia do tecido asociativo en lugar de tentar afogar a quen discrepa: “Non podemos soportar nin un día máis a un goberno que goberne de costas, por acima ou en contra das veciñas e dos veciños”, alertou o candidato á alcaldía.

Cunha decidida aposta en materia de política social, a fronte nacionalista comprométese a facer do combate da pobreza e o empobrecemento unha prioridade e a despregar máis esforzos para promover emprego digno e con dereitos. Con propostas como a renda social municipal, a creación dun Parque Municipal de Vivendas Sociais ou duplicando o Plan Municipal de Emprego.  Desde o compromiso en poñer en marcha “políticas radicalmente feminitas”, Pérez Igrexas chamou a avanzar para converter Vigo nun “territorio libre de machismos”. “Quero un Vigo no que ningunha persoa teña que durmir na rúa e no que ningunha moza, nin ningunha muller teña que pasar medo cando vai pola rúa” resumiu o candidato.

No proxecto en positivo co que concorre Xabier P. Igrexas este domingo, o Bloque quere democratizar o espazo público facendo que as persoas gañemos espazo sobre os coches, reivindicando o modelo de cidade iniciado coas peonalizacións, para construír unha cidade na que vivir e convivir apostando por revolucionar a mobilidade cunha aposta clara por mellorar de maneira substancial o servizo de autobús urbano. “Queremos un Vigo ecoloxicamente sustentábel, reconciliado co seu medio natural e aumentando a protección dos nosos montes, do Río Lagares, recuperando o noso litoral e dicindo rotundamente NON a ningún novo recheo na nosa Ría. Un Vigo que se coloque na vangarda das políticas a prol do benestar animal”, acrecentou.

Tamén defendeu Igrexas unha cidade humanizada de verdade, cun xiro de 180º no tecido cultural “afirmando que con orgullo que somos cultura e temos lingua e rachando con esa visión paleta e provinciana que se reflexa nos programas das festas, poñendo en valor ás nosas creadoras e creadores”, remachou.FOTO MITIN VIGO 4

O BNG tende a man

Fronte á obsesión que padecemos nos últimos catro anos de empequenecer Vigo, de enfrontarnos contra todos por todo, o BNG quere un Vigo referencial: “Entendendo algo moi importante: que sermos viguesas e vigueses non é nada máis nin nada menos que o xeito de sermos galegas e galegos en Vigo”, enfatizou o candidato da fronte nacionalista. Xabier P. Igrexas que apostou porque a cidade lidere desde a cooperación a súa área metropolitana, volva ser o pulmón industrial de Galiza e se converta na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións, “na capital galega do futuro”.

“Temos as ideas, as propostas, persoas capaces e comprometidas para levalas a termo, e experiencia cunha traxectoria que acredita que cada vez que o BNG fomos unha forza determinante e decisiva, fixemos que Vigo avanzase” e por iso Xabier P. Igrexas pediu o empurre da xente este 26 M para conseguilo porque “somos unha cidade tan diversa como combativa, tan plural como solidaria, tan complexa como determinada a enfrontar, xuntas e xuntos, os reptos que se nos poñan no camiño”. Para iso o Bloque tende a man a todas as viguesas e vigueses que non se resignan, que non se conforman e que cren que a cidade merece máis.

Fin das leas e o balbordo

Pola súa banda a portavoz nacional, Ana Pontón, pediu concentrar na candidatura que encabeza Xabier Pérez Igrexas todo o voto de país, nacionalista e inconformista e amosouse convencida de que o BNG “entrará con forza no concello” porque foron moitos os vigueses e viguesas “que botaron de menos a solvencia e a capacidade do Bloque nestes catro anos”. Esa volta á corporación di, permitirá contar cunha forza cun proxecto solvente e transformador”, que ademais vai facer “unha aposta polo diálogo, por tender pontes para construír unha cidade en positivo, e deixar atrás a confrontación institucional que lle está facendo perder moitas oportunidades a primeira cidade do país”.

 “Moitos dos mellores proxecto desta cidade levan a pegada nacionalista, como a recuperación e rehabilitación do casco vello, a reurbanización e peatonalización do Calvario ou o desenvolvemento do barrio de Navia, o máis novo da cidade maioritariamente de vivenda de promoción pública posibilitando o acceso a unha vivenda digna a moitos traballadores e traballadoras”, explicou. Pontón foi moi crítica co que cualificou de “pelexa de egos” entre Caballero e Feixóo tóxica para unha cidade. “Nin localismo estéril desde o Concello, nin utilización da Xunta como arma electoralista. Nin esta cidade se pode permitir esa confrontación, nin Galiza tampouco”, alegou.

“Por iso o BNG ofrece un proxecto de futuro con rumbo claro para esta cidade, deixando atrás a confrontación, e queremos desenvolver ese proxecto desde o concello, porque nin Vigo, nin Galiza merecen menos”, concluíu.

O BNG pide o voto a todas as persoas que non se conforman para facer de Vigo “unha cidade para o pobo”