O BNG porá en marcha un servizo municipal de apoio á crianza e despregará políticas en favor das familias
O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, defende poñer en marcha un modelo de cidade que teña tamén en conta os diversos modelos familiares e que deixe de darlle ás costas ás nenas e aos nenos.
O BNG vén de manter un encontro con colectivos e asociacións para trasladarlles as súas propostas en materia de crianza, infancia e familia. Máis dunha ducia de medidas que teñen como principal obxectivo facilitar a conciliación efectiva, a creación de novas escolas infantís para cubrir unha demanda que o Bloque ve fundamental ou medidas tamén que teñen que ver coas axudas para o comedor ou os libros.
“O noso modelo de cidade é un Vigo máis habitábel, que poña o acento nas persoas, e por iso entendemos que é o momento de despregar tamén políticas de apoio á crianza e ás familias, atendendo a súa diversidade de modelos e deixando de obviar ás familias monoparentais, que na súa maioría son ‘monomarentais’. Un Vigo de futuro ten que ser unha cidade para as nenas e os nenos” resumiu o candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
O candidato do Bloque expuxo diante de colectivos e asociacións vinculadas coa crianza a súa principal preocupación en materia infantil con medidas e accións concretas como aumentar o número de becas de comedor e axudas para libros até cubrir toda a demanda e elevar as súas contías, “unha cantidade agora irrisoria”, argumentou.
Apoio á crianza
Igrexas propuxo a posta en marcha dun servizo municipal de apoio á crianza, en colaboración coas entidades sociais e outras administracións que inclúan entre todos actividades e servizos de asesoramento gratuíto en lactancia, alimentación, porteo, saúde infantil e desenvolvemento psicosocial “para facer ás familias a vida máis doada”. O candidato nacionalista aposta tamén na implementación de novas metodoloxías pedagóxicas nas escolas infantís municipais, coa participación de nais e pais e a flexibilización no seu réxime horario e condicións co obxectivo de adecualas ás necesidades específicas de cada crianza.
Outro dos eixos do Programa Electoral que teñen que ver coa infancia é o compromiso do Bloque da creación dun Programa municipal de actividades para a infancia, estábel e descentralizado, desde os 0 anos, potenciando as actividades saudábeis ao aire libre, o xogo tradicional e cooperativo para tecer un novo modelo de entretemento máis beneficioso para a saúde das cativas e dos cativos e a promoción do galego e a non discriminación.
Para Igrexas é primordial tamén que se creen novas escolas de ámbito municipal nas zonas de Teis, Balaídos e O Calvario e demandar do mesmo xeito á Xunta de Galiza a apertura doutros tres novos centros en Bouzas, Navia e Travesas “para cubrir unha oferta escasa e insuficiente”.
Como fai varios meses Xabier P. Igrexas volveu recalcar a importancia de contar con parques cubertos na nosa cidade como verdadeiras zonas de lecer ao aire libre, “nesta nosa climatoloxía tan adversa na que boa parte do ano, chove”. O candidato nacionalista remachou a súa proposta de crear zonas de xogo cubertas nos parques infantís e a creación de máis ludotecas para ampliar a oferta e dar alternativas ás familias.
No que ten a ver co transporte público, Igrexas propón a gratuidade do autobús urbano en menores de 14 anos, para fomentar o uso do transporte público. Integrar a nenas e nenos con diversidade funcional nas actividades municipais para a infancia ou medidas específicas ás familias monoparentais equiparando os beneficios sociais aos das familias numerosas, son outras das propostas coas que o candidato á alcaldía concorrerá as vindeiras eleccións do 26 de maio.