O BNG pide un Plan de Impulso e Dinamización dos Museos de Vigo para frear a perda de visitantes
A fronte nacionalista urxe medidas como a ampliación de horarios de apertura, garantindo como mínimo 8 horas diarias de luns a domingo, ante a “caída libre” da rede museística, que ten hoxe a metade de visitantes que no ano 2011
Xabier P. Igrexas: “A cultura é un dereito e unha necesidade social e non hai nada máis desculturizante que termos museos pechados ou baleiros”
O Bloque Nacionalista Galego pide a posta en marcha dun Plan de Impulso e Dinamización dos Museos de Vigo para frear a perda de visitantes. A fronte nacionalista urxe medidas como a ampliación de horarios e da programación ante a “caída libre” da rede museística, que ten hoxe a metade de visitantes que no ano 2011.
“Un dos máis preocupantes indicadores da desertización cultural que padece Vigo nos últimos anos é a situación de brutal baleirado dos museos da cidade”, alertou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a destinar como mínimo medio millón de euros a ese Plan de Impulso. “A cultura é un dereito e unha necesidade social e non hai nada máis desculturizante que termos museos pechados ou baleiros”, defendeu.
Igrexas subliñou que estes recursos representan unha quinta parte do gasto que o Goberno municipal de Abel Caballero decidiu dedicar á súa “dopaxe propagandística e publicitaria”cunha modificación orzamentaria para incorporar 2,5 millóns de euros para actividades de promoción da ‘Marca Vigo’.
“Non hai mellor Marca Vigo que poñer en valor e dinamizar os grandes museos da cidade”
Así, lembrou como en 2022 o Museo de Arte Contemporáneo (Marco) recibiu menos de 50 mil visitantes, a metade dos que chegou a acadar, mentres o Museo de Castrelos non superou as 25 mil visitas “malia a enorme calidade dos seus fondos” ou a “sangrante” situación da Pinacoteca con menos de 3 mil. No caso do Verbum, rexistrou menos de 14 mil visitas, das cales case 6 mil corresponden a participantes da carreira Vig-Bay que pasaron polo museo a recoller o dorsal.
O candidato do BNG explicou que este Plan de Impulso e Dinamización dos Museos de Vigo pivota sobre catro eixos fundamentais. O máis importante, subliñou, pasa por unha ampliación “substancial” dos horarios de apertura para garantir un mínimo de 8 horas diarias todos os días da semana fronte aos “raquíticos” horarios actuais, con aperturas de apenas entre dúas e catro horas en días laborábeis, con excepción do Marco. Sobre esta cuestión, lamentou que a única medida do Goberno municipal sexa unha ampliación “cosmética e puntual” anunciada para a Semana Santa ou nas noites brancas.
Dende a fronte nacionalista urxiron tamén un reforzo da programación expositiva de todos os museos, así como incrementar as visitas guiadas, escolares e as actividades de animación nos propios espazos museísticos. E sobre o caso concreto do Verbum, Igrexas chamou a que se redefina o proxecto expositivo para que deixe de ser unha “grande casca baleira”.