O BNG propón que Vigo sexa sede dunha Mostra Atlántica de Danza e Circo que proxecte a cidade na lusofonía

Encontro BNG Vigo Artes Escénicas
Encontro BNG Vigo Artes Escénicas

A fronte nacionalista realizou un encontro aberto sobre artes escénicas no que anticipou algunhas das súas propostas municipais para promover e alentar a creación artística e cultural na cidade

Xabier P. Igrexas: “Fronte á actual política de desertización cultural que illa e empequenece a cidade, o BNG apostamos por unha cultura expansiva que teza sinerxías e alianzas desde Vigo e Galiza, para proxectar a nosa capacidade creativa en Portugal e no conxunto da Lusofonía, cunha vocación atlántica”

O BNG propón que Vigo sexa sede dunha Mostra Atlántica de Danza e Circo que proxecte a cidade na lusofonía

O Bloque Nacionalista Galego vén de lanzar a proposta de que Vigo sexa sede dunha Mostra Atlántica de Danza e Circo que proxecte a cidade no ámbito da lusofonía e estreite a cooperación cultural con Portugal. Así o anunciou o concelleiro e candidato á alcaldía do BNG, Xabier P. Igrexas, no encontro aberto “Vigo + Artes escénicas”, que se realizou esta tarde no espazo creativo NoNoNon.Lab en Bouzas.

No coloquio, que foi presentado polo director artístico e dramaturgo, Roberto Pascual, participaron canda o candidato nacionalista á alcaldía o escenógrafo, José Faro “Coti”, a bailarina e coreógrafa, Amparo Martínez, o responsábel da Sala Ártika, Marcos Alonso, o dramaturgo, Afonso Becerra, e mais a actriz Arantxa Treus.

Igrexas puxo en valor o “enorme potencial creativo da cidade” no ámbito das artes escénicas, e xustificou a aposta por referenciar Vigo expresamente na danza e no circo polo “acreditado talento vigués” nestas dúas disciplinas.

Neste sentido, o candidato nacionalista chamou a estreitar a colaboración do Concello de Vigo coas cámaras municipais de Guimarães e Porto, cidades que xa desenvolven iniciativas de grande alcance como Guidance -Festival Internacional de Dança Contemporânea, ou os Dias da Dança. “Fronte á actual política de desertización cultural que illa e empequenece a cidade, o BNG apostamos por unha cultura expansiva que teza sinerxías e alianzas desde Vigo e Galiza, para proxectar a nosa capacidade creativa en Portugal e no conxunto da Lusofonía, cunha vocación atlántica”, explicou.

Co obxectivo de facilitar e potenciar o desenvolvemento das artes escénicas na cidade, a fronte nacionalista seguirá a demandar a posta en marcha da Escola Superior de Danza e de Artes do Circo que complete a actual Escola Superior de Artes Escénicas de Galiza (ESADg), en Navia, configurando un verdadeiro “campus artístico” de Vigo.

Programación estábel e descentralizada

Outra das propostas e liñas de actuación do programa electoral do Bloque de cara aos vindeiros comicios municipais do 28 de maio pasa polo impulso dunha programación estábel e descentralizada en todos os barrios a través dunha Rede Viguesa de Artes Escénicas. Unha iniciativa que busca recoller o pulo perdido de programas desaparecidos como Vigo a Escena, dinamizando todos os espazos culturais da cidade, a principiar polo propio Auditorio Municipal.

Aliás, as nacionalistas defenden a creación dun programa específico de teatro afeccionado, que inclúa un certame e un programa formativo, así como a recuperación da extinta Liga Xuvenil de Improvisación (LIXA). Desenvolver residencias artísticas así como apoiar a novas compañías e a tituladas/os da ESAD é outro dos compromisos, dentro do proxecto de converter a antiga e abandonada fábrica de pinturas na “Fábrica Cultural de Teis”, como espazo público para a creación artística.

Igrexas puxo en valor este novo encontro aberto, que se insire nunha ampla rolda de actos e xuntanzas co tecido cultural, fronte as políticas culturais “deseñadas desde a miopía e xordeira dos despachos, sen ter en conta a ninguén, e que converteron o Concello nun obstáculo para a creación cultural cando ten que ser un verdadeiro facilitador e potenciador do talento que latexa en Vigo”. 

O BNG propón que Vigo sexa sede dunha Mostra Atlántica de Danza e Circo que proxecte a cidade na lusofonía