O BNG esixe que o Concello interveña a concesión de Vitrasa ante os “graves incumprimentos” do servizo e das condicións laborais
A fronte nacionalista demanda tamén a apertura dun expediente de sanción contra a concesionaria de bus e que se inicien os trámites para a remunicipalización do servizo
Denuncia reducións de 72 viaxes diarias, instrucións da empresa para non recoller viaxeiros cando hai atrasos, incumprimentos das xornadas laborais e recortes salariais
Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos poñer punto e final a esta tomadura de pelo e á barra libre da que goza Vitrasa coa complicidade do Goberno de Abel Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Concello de Vigo interveña a concesión de autobús urbano ante os “graves incumprimentos” de Vitrasa tanto do servizo como das condicións laborais do seu persoal. A fronte nacionalista vén de solicitar formalmente ademais a apertura dun expediente de sanción contra a concesionaria e que se inicien os trámites para a remunicipalización do servizo.
“O Concello de Vigo ten que exercer a súa responsabilidade sobre este servizo de titularidade municipal e meter en cintura dunha vez por todas a Vitrasa que recibe 13 millóns de euros de subvención anual”, reclamou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reprochou ao Goberno de Abel Caballero que actúe de forma “cómplice” coa dirección da concesionaria “consentindo estes incumprimentos” dos pregos da concesión malia ter coñecemento directo dos mesmos.
Igrexas asegurou que o BNG busca con estas iniciativas “poñer punto e final a esta tomadura de pelo e á barra libre da que goza Vitrasa”, a quen acusou de provocar un “grave prexuízo” co bloqueo da negociación do convenio colectivo, caducado desde 2020. “A posición obstinada da concesionaria está provocando un conflito laboral que se manifesta en días como hoxe en xornadas de folga e de paros parciais nos últimos meses”, criticou.
Recortes de frecuencias
O edil nacionalista detallou os numerosos incumprimentos do servizo por parte de Vitrasa. Entre eles, a redución de como mínimo 72 viaxes diarias en 20 liñas en comparación coas frecuencias que se prestaban antes do inicio da pandemia, e sen que conste autorización municipal para esa diminución do servizo.
Aliás, denunciou como o aumento dos tempos de viaxe da maioría de liñas e a imposición de horarios flexíbeis derivou na práctica nunha minoración das frecuencias diarias e dos tempos sen servizo.
Na mesma liña, advertiu de que a dirección da concesionaria deu instrucións de maneira unilateral ao persoal condutor de que se poñan os autobuses en ‘sombra’ cando se acumulan atrasos, sen recoller nova pasaxe até a chegada á cabeceira da liña “deixando literalmente as viguesas e vigueses tirados nas paradas”.
50 mil horas de excesos de xornada
Dende a fronte nacionalista denunciaron ademais os “notábeis e graves incumprimentos” das condicións laborais do persoal de Vitrasa cuxo respecto é responsabilidade do Concello como administración titular do servizo concesionado. Nese sentido, o concelleiro do BNG asegurou que a empresa non está a cumprir co rexistro da xornada laboral nin tampouco co período mínimo de 12 horas entre xornadas de traballo, acumulando así até 50 mil horas anuais de excesos.
Igrexas asegurou que a concesionaria do bus urbano tampouco cumpre coas condicións de saúde laboral por non respectar os tempos de descanso durante a xornada e pola inexistencia de vestiarios e aseos para o persoal. En materia salarial, alertou de atrasos no abono dos pagos así como a “aplicación ilegal e arbitraria” de recortes coa retirada de pluses. Ademais, acusou a dirección de Vitrasa de vulneracións das condicións legais de contratación, como reflicten resolucións da propia Inspección de Traballo.
Apoio da manifestación
O edil nacionalista lamentou que, malia as reiteradas denuncias do Bloque e do propio Comité de Empresa, o Goberno municipal non teña tomado ningunha medida fronte a estes incumprimentos, poñendo do lado da concesionaria en contra dos intereses da veciñanza de Vigo e dos dereitos dos seus traballadores e traballadoras. Por eses motivos, avanzou que o BNG apoiará este venres a manifestación convocada polo persoal de Vitrasa, con saída ás 19.30 horas dende Os Choróns.