O BNG pide un Plan de Inspeccións Urbanísticas diante do “insuficiente” control de edificios en Vigo
A fronte nacionalista solicita ao Goberno local toda a información e antecedentes sobre o inmóbel da avenida Beiramar 127, após a tráxica morte do bombeiro Sergio Salnés
Xabier P. Igrexas: “Nos últimos tempos teñen sido xa varios episodios que deixan en evidencia a insuficiente actuación desde a Xerencia Municipal de Urbanismo”
O Bloque Nacionalista Galego pide despregar un Plan de Inspeccións Urbanísticas en Vigo diante do “insuficiente” control de edificios na cidade. Así o vén de propoñer o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamando a reforzar os medios materiais e humanos para a supervisión dos inmóbeis e para reducir riscos de seguridade, após o tráxico falecemento do bombeiro Sergio Salnés.
Igrexas anunciou tamén que vén de solicitar ao Goberno local toda a información, datos e antecedentes sobre o inmóbel da avenida Beiramar 127 para coñecer as circunstancias do fatídico suceso, así como os informes das actuacións realizadas no lugar por parte do propio servizo de Bombeiros e da Policía Local.
No concreto, explicou o portavoz nacionalista, demandan acceso a todos os informes municipais a nivel urbanístico, as dilixencias e actuacións que se teñan practicado en relación á situación do edificio, ademais dunha explicación detallada das actuacións do Goberno de Abel Caballero desde o momento en que tivo coñecemento do sinistro.
“O BNG queremos de avanzar no esclarecemento dos feitos e tamén de coñecer que medidas se adoptaron e cales se podían ter adoptado para evitar o risco para a seguridade que acabou coa vida dun bombeiro da cidade”, subliñou Igrexas, quen interpelou tamén este martes á concelleira María José Caride sobre esta cuestión no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo.
“Preguntamos á señora Caride a respecto de se non tiña recibido a Xerencia de Urbanismo ningún tipo de aviso, denuncia ou advertencia, por medios formais ou informais en relación ao estado do inmóbel afectado”, asegurou. “A resposta ofrecida até o momento limitouse a sinalar xenericamente que non tiña constancia de ningunha advertencia sobre ese edificio”.
Varios episodios nos últimos anos
Sobre a proposta dun Plan de Inspeccións Urbanísticas, o portavoz municipal do BNG de Vigo lembrou que a supervisión das condicións de seguridade dos edificios da cidade é legalmente unha competencia municipal. “Os concellos son quen teñen que realizar inspeccións regulares para verificar que cumpran coas condicións de seguridade e habitabilidade, incluíndo a supervisión da estabilidade estrutural”, sinalou.
Unha obriga que, a xuízo das nacionalistas, “non se está atendendo cos esforzos, medios e recursos necesarios”, como evidencian varios episodios nos últimos anos: en febreiro de 2021 co derrube da fachada traseira dun inmoble da rúa República Arxentina, co desaloxo forzoso dun edificio en Serafín Avendaño en xuño do 2023, co tráxico incendio da rúa Afonso X o pasado mes de outubro, co derrubamento dunha vivenda no camiño das Maceira en Teis en marzo deste ano, e os reiterados incidentes en naves abandonadas en Jacinto Benavente.