O BNG demandará no Pleno de Vigo reforzos urxentes no corpo de bombeiros ante os riscos para a seguridade
A fronte nacionalista traslada unha moción para que se garanta o persoal suficiente nos dous parques da cidade e advirte que o servizo vai rematar o ano con 5 efectivos menos
Xabier P. Igrexas: “A falla de persoal provoca que en practicamente ningunha xornada se cumpra a dotación mínima de 20 bombeiros, fixada polo propio Goberno municipal”
O Bloque Nacionalista Galego demandará no Pleno municipal do vindeiro luns reforzos urxentes no corpo de bombeiros ante os riscos para a seguridade en Vigo. A fronte nacionalista vén de presentar unha moción para esixir que se garanta o persoal suficiente nos dous parques de bombeiros da cidade e advirte ademais que o servizo vai rematar o ano con 5 efectivos menos dos actuais.
“A falla de efectivos ten unha incidencia directa e grave tanto na organización dos operativos para a atención de situacións de emerxencia”, alertou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurando que a falla de persoal provoca que en practicamente ningunha xornada se cumpra a dotación mínima de 20 bombeiros, fixada polo propio Goberno municipal, con días nos que non superan unha ducia de efectivos.
Igrexas lamentou que o Goberno de Abel Caballero leve ignorando desde hai máis de seis anos as demandas do corpo pola manifesta insuficiencia de medios, que limita a súa capacidade operativa e provoca riscos innecesarios tanto para a cidadanía como para os profesionais des servizo esencial. Unha falla de persoal que é a causa principal dos recorrentes peches do parque de Coruxo o que, a xuízo do Bloque, supón “desprotexer a metade do termo municipal e incrementar perigosamente os tempos de resposta”, sen garantir que cada unha das dúas zonas dispoña no mínimo dunha autoescada e dun vehículo nodriza operativos.
O portavoz municipal do BNG de Vigo lembrou situacións recentes onde a insuficiencia de medios limitaron a resposta do corpo de bombeiros, como o incendio producido no Punto Limpo en setembro de 2023 con só 15 bombeiros activos. “Isto evidencia que no caso de se producir dúas situacións de emerxencia simultaneamente ficaría desbordada”, advertiu.
Dende a fronte nacionalista consideran que nestas condicións non se pode garantir debidamente a seguridade de grandes eventos, como é o caso do Marisquiño, as fogueiras de San Xoán, ou a festa da Reconquista, tal e como teñen advertido as organizacións sindicais. Unha situación que se vai agravar durante o período estival, o de maior risco de lumes, deixando o servizo por debaixo dos mínimos necesarios.
“A pesar das reclamacións reiteradas por parte do persoal do servizo de bombeiros e dos sindicatos, que mesmo provocaron a convocatoria de folga indefinida, o actual Goberno municipal teima en non atender as súas xustas reivindicacións cunha falla de actuación que ameaza con cronificar e agravar o problema”, valorou Igrexas.
Convocatoria propagandística
O portavoz municipal do Bloque cualificou nese sentido de “medida propagandística e radicalmente insuficiente” o recente anuncio da convocatoria de 40 prazas de bombeiros. Desas prazas, 23 delas xa están desempeñando con interinaxes e, tendo en conta os futuros ascensos a mandos de 5 bombeiros e as 17 xubilacións que se van producir este curso, o saldo neto será que o servizo disporá de 5 efectivos menos a final de ano. “Non só non hai reforzo efectivo, senón que a situación empeorará”, lamentou.
ACCEDE Á MOCIÓN NESTA LIGAZÓN