O BNG estabelece como prioritaria a conexión ferroviaria da Galiza con Portugal nos Orzamentos para 2023

Néstor Rego e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa
Néstor Rego e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

Néstor Rego aposta pola implantación dos servizos de cercanías ferroviarias na área de influencia de Vigo, igual que no resto do País: “non se entende que, habendo masa crítica suficiente, o Goberno se negue. É cuestión de vontade política”

A mellora dos servizos e o aumento dos investimentos en materia de infraestruturas e servizos serán eixos fundamentais no traballo que o BNG desenvolverá nestes Orzamentos

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e os vigueses estamos fartas de promesas e datas que non se cumpren co desenvolvemento irrenunciábel da Saída Sur”

O BNG estabelece como prioritaria a conexión ferroviaria da Galiza con Portugal nos Orzamentos para 2023

O Bloque Nacionalista Galego cualifica como “insuficientes” os orzamentos presentados polo executivo e sinala o estancamento do investimento na Galiza, en contraposición a suba do resto de territorios do Estado. A organización nacionalista aspira a mellorar o investimento para a Galiza e rematar co déficit histórico en materia de servizos e infraestruturas e servizos, sobre todo en materia ferroviaria coa implantación dos cercanías e a conexión da Galiza con Portugal a través da alta velocidade.

Para o deputado nacionalista, nun contexto onde o orzamento o Goberno do Estado aumenta o investimento territorializado nunha media de media 2.84%, para a Galiza o investimento estáncase. Rego entende que é insuficiente e mesmo reclama xustiza para o País co obxectivo de superar o déficit histórico que sofre en materia de infraestruturas e servizos, sobre todo ferroviarios, así como atallar a grave crise industrial que arrastra o País.

Néstor Rego comprométese a traballar e introducir partidas no proxecto de orzamentos para a conexión no Eixo Atlántico con Portugal -inexistentes no documento presentado polo executivo-, unha obra estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza

“O tramo que falta por completar -por parte do Estado español- é tan só de 15 quilómetros” explica Rego. “Hai unhas semanas, o propio Primeiro Ministro da República de Portugal presentaba a actuación que vai desenvolver para a conexión Lisboa-Porto-Vigo en alta velocidade. O Goberno do Estado só debe completar esa actuación no territorio galego a través da saída sur de Vigo” reivindica.

De por parte, o portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou as declaracións realizadas pola Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, a respeito do desenvolvemento da Saída Sur.

“Que a señora Pardo de Vera diga que é realista o horizonte do ano 2030 para a Saída Sur cando o vindeiro ano non van a dedicar practicamente nada nos orzamentos é unha tomadura de pelo”, critica Xabier P. Igrexas

Igrexas remarcou a “importancia estratéxica e o carácter irrenunciábel” da conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, para completar o Eixo Atlántico e como “condición de posibilidade para que a área de Vigo sexa o motor que lidere a Eurorrexión Galiza- Norte de Portugal”. Polo que esixiu do Goberno español “menos declaracións, menos promesas, e máis Boletín Oficial do Estado”.

Cercanías para a área de influencia de Vigo

Alén do máis, Rego sinala que non existen partidas orzamentarias para a implantación do servizo de cercanías ferroviarias na Galiza. Pola contra, o Ministerio de Mobilidade contemplan actuacións noutros puntos do Estado: Madrid, Castela e León, Murcia e Andalucía.

“A rexión urbana de Vigo, por exemplo, chega a 750.000 habitantes entre Tui e Pontevedra, máis, se incluímos Vilagarcía e toda a comarca do Salnés. Mentres esta área de influencia carece deste servizo, outras con menor densidade de poboación posúen cercanías” denuncia o deputado do BNG no Congreso.

“Non entendemos a negativa por parte do Goberno de implantar o servizo ferroviario de proximidade. Existe masa crítica para ofrecelo, é cuestión de vontade política” destaca o portavoz do BNG no Congreso

Mesmo o deputado nacionalista lembrou que hai uns meses, o BNG interpelou a Ministra de Mobilidade exixindo a implantación deste servizo no País. Nesta pregunta, Raquel Sánchez non soubo explicar a razón pola que a Galiza carece dese servizo. “O único que foi capaz de dicir é que había servizo de Media Distancia que facían a mesma función. Sabemos que é radicalmente falso porque o servizo de cercanías exixen traxectos específicos, maiores frecuencias e prezos máis baixos e fixos” salienta Rego.

Neste sentido, Igrexas urxiu unha “rectificación inmediata” por parte do Miteco que permita comezar a despregar unha rede de tren de proximidade que vertebre a realidade metropolitana de Vigo, até Pontevedra-Vilagarcía polo norte e até Tui polo sur.

“Que a área metropolitana de Vigo sexa unha realidade efectiva pasa, entre outras cuestións, por dotala dunha conexión ferroviaria de cercanías”, advertiu Xabier P. Igrexas

O concelleiro do BNG de Vigo lembrou que a fronte nacionalista leva moito tempo a reclamar ese compromiso, mesmo a través de mocións municipais que foron “vetadas” polo PSOE, e afeou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, desista de defender os intereses da cidade nesta materia e se pregue, por partidismo, diante do abandono do seu goberno en Madrid.

O BNG estabelece como prioritaria a conexión ferroviaria da Galiza con Portugal nos Orzamentos para 2023